O BNG opónse á reducción de liñas e servizos de autobus pactada polo goberno local

O BNG opónse á reducción de liñas e servizos de autobus pactada polo goberno local

Ferrol 21 de xullo de 2014. O Bloque Nacionalista galego de Ferrol acusou esta mañá ao goberno local de Rey Varela de pactar coa empresa concesionaria do transporte urbano na cidade unha proposta de modificación do servizo que reduce servizos, suprime liñas e non resolve as demandas dos veciños e veciñas de Ferrol Vello nen cubre as necesidades de servizo do Hospital naval.

Para o BNG a proposta de reestructuración do servizo consensuada entre Goberno local e a empresa concesionaria do servio de transporte é mala para o conxunto de veciños e veciñas de Ferrol e esixen ao Goberno Municipal que se retracte da súa participación nesta negociación e presente alegacións à mesma co obxectivo de salvagardar os intereses da cidade. Para o BNG esta proposta ademais de empeorar o servizo deixa indefensos aos veciños e veciñas que menos posibilidades teñen e que dependen do transporte colectivo para a súa mobilidade.

O BNG lementa que finalmente se seguiran as directrices aprobadas na última adenda ao convenio que o Concello ten asinado coa Axencia Urbana de Barcelona para estudar o desenvolvemento da nova Rede de Transporte Público, xa que nese acordo, como agora fica evidenciado, non se asumía a necesidade de aumentar as liñas de transporte contrariamente ao que establece o Plan de Mobilidade de Ferrol e ás necesidades evidentes do concello.

Perda de Servizos e liñas

A restructuración presentada pola empresa tras a negociacións mantidas co goberno local de Rey Varela contempla a eliminación da liña 3 (Caranza quedará sen servizo directo ao Arquitecto Marcide); à redución de servizos en praticamente todas as liñas que quedan e na liña 1-B que chega até a Residencia Arquitecto Marcide reducense máis da metade; a unificación das liñas 4 e 7, co que os servizos que a zona da Malata, serantes e A Graña queda cun servizo de autobuses anecdótico (cada dúas horas).

Ademais non se modifican os itinerarios dos buses imposibilitando que todos os buses cheguen até Ferrol Vello, barrio este queda sen servizo directo co Arquitecto Marcide, e tampouco se estabelece unha parada de autobús que chegue até o Hospital Naval.

A vista desta proposta, para o BNG, queda exemplificado o desleixo do Goberno Local e a súa complicidade coa perda de calidade do transporte público xa que ademais de non facer nada por incentivar o aceso de usuarios/as ao mesmo, colabora coa súa destrución.

Para o BNG esta proposta é perxudicial para os intereses de Ferrol e por iso demandaremos da Xunta de Galiza a adecuación do servizo ás necesidades do concello co fin de dar cumprimento ao Plan de Mobilidade. Cremos que é esta corporación quen debe esixir da Xunta a prestación dun servizo de transporte público axeitado ás necesidades económicas e sociais da cidade e aproveitar à renovación do Plan de transporte Metropolitano, previsto para o 2015, para a elaboración deste Plan de Transporte que contemple medidas correctoras e un aumento de liñas e servizos no transporte urbano na cidade de Ferrol para atender as súas necesidades