A política urbanística do PP esquece os problemas reais da cidade
Ferrol 24 de setembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol cualificou de surrealista a política urbanística impulsada desde o goberno local para o barrio da Madalena ao priorizar os problemas urbanísticos desta cidade desde o punto de vista da imaxe, nunha cidade con graves problemas de conservación dos seus edificios e das súas rúas.
O BNG resalta que os principais e máis urxentes problemas do barrrio da Madalena non pasan por un modelo ou outro de mobiliario urbano, ou por un modelo ou outro de papeleiras, e lembran que o barrio da Madalena ten serios problemas de conservación e mantemento das súas edificacións e gravísimos problemas de reactivación e dinamización económica, cuestións que obvia este goberno local e para os que non presenta medida algunha.
Para o BNG coa presentación no día de onte do proxecto do mobiliario urbano para este barrio unido ao caótico modelo de peonalización evidenciase que o Goberno Municipal afonda no desenvolvemento dunha unha política de carácter superficial que pretende dar unha idea de normalidade nunha cidade con tantos e tan graves problemas.
Estas decisións resultarían dunha candidez extrema senón fose que detrás delas ocúltase o obxectivo de, mediante actuacións de carácter superficial como o cambio de mobiliario urbano, obviar o deterioro crecente dos barrios da cidade que conta coa maior taxa de vivenda baleira de Galiza, ao tempo que continúan sen aplicarse os instrumentos normativos destinados a paliar esta situación.
O BNG considera necesario aplicar os instrumentos urbanísticos que o Concello ten na actualidade como é o rexistro de soares e o patrimonio municipal do solo ou a Inspección Técnica de Edificios, medidas que o Goberno Local mantén paralizadas e que demostran que non exite vontade para aplicar outra política urbanística na cidade e que a improvisación e o desleixo urbanístico é a tónica imperante na política urbanística do goberno local de Rey Varela.
BNG, considera preciso o desenvolvemento das ordenanzas municipais e aplicalas de cara a permitir facer unha xestión do espazo público dun xeito obxectivo e en base a criterios únicos como acontecería coa demandada ordenanzas de terrazas, o desenvolvimento dunha planificación dos tráficos rodados e peonís da cidade, e establecer os recursos,densidades e demais apartados técnicos que poidan condicionar o proceso de recuperación do barrio da Madalena.
Así mesmo consideramos imprecindíbel o desenvolvemento dunha rede de transporte público eficaz aumentando os horarios e os servizos e non ao contrario, tal e como está a promover este goberno municipal.