COMUNICADO DE PRENSA
O BNG CHAMA A ATENCIÓN SOBRE AS CONSECUENCIAS DO CONVENIO CON DEFENSA
Ferrol 5 de setembro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol quer chamar a atención, unha vez máis, sobre as consecuencias que ten para a cidade manter vixente o convenio co Ministerio de Defensa. Neste caso, tras o escrito enviado ao concello por parte do citado Ministerio, desentendéndose das súas obrigas de limpeza e conservación do denominado polígono de tiro de Catabois co obxecto de axustarse e cumprir co estabelecido nas novas normativas en materia de prevención e defensa dos incendios forestais. Medidas que o Ministerio de Defensa non ten pensado adoptar indicándolle ao concello que en virtude do mencionado convenio sexa el que acometa estes traballos.
A situación derivada deste convenio é tan singular que o Ministerio de Defensa propietario destas instalación non ten ningunha obriga de limpeza nen mantemento destas propiedades e o concello que non ten ningunha competencia sobre estes terreos ten adquiridas unhas responsabilidades de conservación que non exerce pero que tampouco quere esixir ao titular dos terreos que é o Ministerio de defensa, como esixe ao resto de propietarrios da cidade.
Para o BNG é fundamental que mudemos a perspectiva e os obxectivos que ten este Concello para co convenio co Ministerio de Defensa. Cumpre, por tanto, que o goberno local abandone a ambigüidade e a indefinición na que se moveu todos estes anos e que so están a provocar a dilación no tempo dunha situación que é insostible para esta cidade e que no canto de enfrentala se quere mirar para outro lado.
O BNG considera que en lugar de insistir en modificar o convenio, como fixo o PP, e basándonos no informe de intervención existente debemos anular o mesmo.Se o goberno realmente quixese anular este convenio teriao fácil, ten a causa explícita na carencia de informe de fiscalización do convenio aprobado no ano 2015 e o fundamental de que esta nulidade se puidera acometer son as consecuencias que este convenio esta a ter para este concello e que teñen que ver con que o concello de Ferrol asuma os tributos que debe pagar outra administración que neste caso é o estado, que o concello asuma a conservación mantemento dunhas instalacións que non son da súa propiedade, que sigamos a facer abonos económicos como o que se fixo de maneira irregular no ano 2015 por propiedades en ruinas e que se siga a desenvolver un modelo urbanístico baseado na especulación, que ademais é anacrónico, e que ademais propón desenvolver 460 novas vivendas e un centro comercial nunha cidade que ten o 20% das súas vivendas baleiras.
Desde o BNG cremos que as apiracións municipais non poden pasar por incrementar o patrimonio en ruina e abandonado nunha cidade que non ten recursos económicos para mantelo e por tanto cumpre esixir ás administracións propietarias destes inmobles que paguen os impostos que lles correspondan e manteña as edificacións nun estado de conservación adecuado do mesmo modo que se lle esixe a un particular.
Asi mesmo desde o BNG censuramos a actitude de menosprezo do Ministerio de Defensa co noso idioma ao esixir que a documentación que lle envie o concello teña que ir redactada en Español e non en galego.