O BNG advirte do incremento da presión fiscal nos orzamentos municipais para o 2021

20210222_123710
Iván Rivas
Iván Rivas inidcou que o desmedido afán recadatorio do goberno a través da imposición de multas e sancións aos veciños e veciñas da cidade demostra a súa total indiferenza do PSOE diante da situación que estamos a vivir na cidade produto non só da crise sanitaria económica provocada polo Covid 19 senón pola falta de carga de traballo nos estaleiros da ría.
O BNG advirte do incremento da presión fiscal nos orzamentos municipais para o 2021
Ferrol 8 de maio de 2021. Iván Rivas, portavoz do BNG no Concello de Ferrol, sinalou que a documentación achegada para desenvolver o orzamento municipal de 2021 ven a reafirmar a política fiscal desenvolvida por este goberno desde a súa chegada ao goberno local da cidade.Unha política baseada no incremento da presión fiscal aos veciños e veciñas mentres minguan os ingresos procedentes das grandes empresas e colectivos privilexiados da cidade.


O goberno local pretende compensar a perda de ingresos, por renunciar ao IBI de Navantia e os tributos que o Mº de Defensa e a Autoridade Portuaria deberían aboar mediante un incremento exponencial da recadación, por multas e sancións.


Para o BNG nesta proposta de orzamentos o goberno pon negro sobre branco este obxectivo e así mentres as previsións de recadación por IBI merman respecto do orzamento de 2018 en 520.000 euros, ao excluír o IBI DE Navantia e tampouco incorporar o IBI do Ministerio de defensa polas propiedades desafectadas, as previsións de recadación por multas e sancións multiplícanse por tres e pasan dos 750.000 euros previstos en 2018 aos 2,24M de euros previstos neste orzamento para 2021.


O BNG lembra que a xestión destas sancións efectuase por parte dunha empresa privada que recada o 25% destas sancións e que produto desta política verá substancialmente incrementados os seus beneficios.


Tamén increméntase a previsión de recadación polo servizo de extinción de incendios que pasa dos 190.000 euros de 2018 a 380.000 euros en 2021 que pagarán os veciños e veciñas mediante contribucións especiais ao tempo que o parque de bombeiros, cada vez nunha situación máis precaria por falta de persoal e medios se mantén cunha aportación mínima do consorcio provincial pese a prestar servizo a empresas como Reganosa, a Autoridade Portuaria e ao resto de concellos da comarca.


Iván Rivas inidcou que o desmedido afán recadatorio do goberno a través da imposición de multas e sancións aos veciños e veciñas da cidade demostra a súa total indiferenza do PSOE diante da situación que estamos a vivir na cidade produto non só da crise sanitaria económica provocada polo Covid 19 senón pola falta de carga de traballo nos estaleiros da ría.


E o máis significativo é que en contraste con este comportamento fiscalizador e inquisitivo sobre os veciños e veciñas, este mesmo goberno e o alcalde móstranse laxos e submisos diante dos incumprimentos tributarios reiterados de colectivos como a Autoridade Portuaria ou o Estado que neste orzamento para 2021 se asumen con total normalidade.


Por estas razóns o portavoz municipal do BNG considera que o goberno local debería rectificar a súa política recadadora recollida nestes orzamentos municipais e desenvolver todas as accións necesarias para cobrar os tributos que lle corresponde pagar ao Mº de Defensa, a Navantia e á Autoridade Portuaria, a comezar por incluílo nos orzamentos municipais.
O BNG advirte do incremento da presión fiscal nos orzamentos municipais para o 2021