O BNG propón a xestión pública do complexo deportivo da Malata

20210222_123710
Iván Rivas
Iván Rivas, portavoz nacionalistaafirma que, tras analizar o documento, a única alternativa viábel é a xestión pública e directa da instalación por parte do Concello de Ferrol mediante medios propios polo que insta ao goberno local a desbotar a proposta de volver a privatizar esta infraestrutura deportiva.
O BNG propón a xestión pública do complexo deportivo da Malata

Ferrol 8 de xuño de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de presentar as súas alegacións ao estudo de viabilidade para a reforma, ampliación e explotación do centro deportivo municipal ubicado no estadio da Malata nas que solicita ao goberno local que desestime este documento e que opte xestión pública e directa da instalación por parte do Concello de Ferrol mediante medios propios.

 

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinala que as alegacións presentadas polo BNG desmontan a idea de que un contrato de concesión de obras é a opción idónea para a xestión desta infraestrutura xa que estas afirmacións están baseadas en xuízos de valor. Non se describe nin concreta, no documento, as vantaxes e beneficios que este sistema de xestión reporta, limitándose exclusivamente a expoñelas de maneira xenérica. Tampouco se desenvolve ningunha comparativa con outro método de xestión que permita coñecer as vantaxes e inconvenientes de cada unha das alternativas analizadas.

 

Para o BNG o estudo económico elaborado demostra que tanto os investimentos que precisa a instalación como o seu mantemento son perfectamente asumibles polas arcas municipais. A renovación da instalación se pretende financiar mediante 1 millón de euros que van pagar os veciños e veciñas de Ferrol directamente a través das arcas municipais xunto cos abonos dos usuarios e usuarias. Os 1,2 millóns de euros de fondos propios que vai aportar inicialmente a empresa privada son perfectamente asumíbeis polo concello de Ferrol, sobre todo, se temos en conta que a administración local vai aportar 1 millón de euros de maneira directa pagándolle a empresa concesionaria unha taxa de 100.000€ anuais durante os 10 primeiros anos da concesión.

 

Asi mesmo para o BNG a xestión mediante un operador privado, tal e como se recolle no plan de viabilidade, con prezos de acceso ríxidos e preestablecidos ademais da imposibilidade facer uso deses espazos por parte da administración local impide o acceso a estas instalacións dos colectivos da cidade máis desfavorecidos e vulnerables. Un dos criterios básicos que debería guiar a xestión desta infraestrutura e posibilitar o acceso universal dos veciños e veciñas a actividade física no concello de Ferrol.

 

Este estudo non analiza a situación das instalacións municipais deste tipo na nosa cidade, sobre todo no referente a necesidade que ten a cidade de dispor de máis láminas de auga para cubrir as necesidades deportivas da poboación en xeral e dos clubs deportivos. Tendo en conta a alta demanda destas instalacións, tanto para o deporte federado como para o seu uso pola poboación, optar por unha concesión deste tipo asentada baixo uns criterios exclusivamente desde un punto de vista de rendibilidade económica e o seu uso en función do seu aproveitamento por parte do concesionario impide que se poida facer uso destas instalacións dun modo flexíbel en función das posíbeis necesidades municipais.

 

Para o BNG non se pode, como fai plan de viabilidade, definir aos centros deportivos da cidade como “competidores”, unha cuestión esta que parece impensábel se nos paramos a pensar que estamos a falar dunha instalación pública municipal. O criterio debería de ser estabelecer canles de colaboración con estes centros deportivos e un deseño conxunto da practica deportiva na cidade.

 

Iván Rivas, portavoz nacionalistaafirma que, tras analizar o documento, a única alternativa viábel é a xestión pública e directa da instalación por parte do Concello de Ferrol mediante medios propios polo que insta ao goberno local a desbotar a proposta de volver a privatizar esta infraestrutura deportiva.

O BNG propón a xestión pública do complexo deportivo da Malata