O BNG presenta un recurso contra os acordos plenarios relativos as facturas de ACUAES que Ferrol non tiña que pagar

Grupo municial BNG
Grupo municial BNG
Iván Rivas, Portavoz municipal do BNG en Ferrol, lamenta que o goberno municipal de Ferrol se preocupe máis por salvagardar os intereses das empresas que prestan os servizos de depuración que por defender os intereses dos veciños e veciñas de Ferrol
O BNG presenta un recurso contra os acordos plenarios relativos as facturas de ACUAES que Ferrol non tiña que pagar

Ferrol 15 de xuño de 2022. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de presentar un un recurso extraordinario de reposición contra os acordos plenarios que aprobaron o pago de facturas a Acuaes pola xestión dos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol e contra o compromiso do gasto correspondente a este mesmo concepto para os exercicios económicos de 2019, 2020 e os dous primeiros trimestres de 2021 .

O BNG basea esta decisión na sentenza 00037/ 2022 do xulgado contencioso administrativo de Ferrol do 21 de marzo de 2022 que desestimou o recurso contencioso administrativo interposto por ACUAES contra a resolución do concello de Ferrol de data 16/04/2020 no que se acordara proceder á devolución de todas as facturas emitidas por ACUAES ao concello de Ferrol desde o mes de maio de 2019 até o mes de febreiro de 2020.

Iván Rivas, Portavoz municipal do BNG en Ferrol, lamenta que o goberno municipal de Ferrol se preocupe máis por salvagardar os intereses das empresas que prestan os servizos de depuración que por defender os intereses dos veciños e veciñas de Ferrol. Así mesmo, lembra que xa nas sesións plenarias que motivan este recurso, por parte do BNG, xa advertiramos que estaban a saltarse todos os procedementos de control para a xestión do diñeiro público ao querer aboar unhas facturas remitidas ao concello pola empresa pública ACUAES que ningún órgano municipal aprobou.

Hai que lembrar que a empresa ACUAES entregou unhas obras declaradas de interese xeral dous anos despois da data prevista para a súa finalización e que pretende imputarnos os sobre custos derivados destes atrasos as veciñas e veciños de Ferrol que pasarán de pagar o 10% ao 25%, dunhas obras que debera asumir o estado, de formalizarse esta demanda. Ademais ACUAES decidiu privatizar a xestión dos interceptores para entregarllos a Viaqua sen que o concello de Ferrol tivese tomado nin teña tomado ningún acordo a ese respecto.

 

Iván Rivas, considera grave que a única preocupación do Alcalde desta cidade, estes anos, fora pagarlle ao Estado estas facturas sen esixir a máis mínima responsabilidade polos atrasos na execución destas obras e na súa xestión, sen que exista como mínimo un acordo plenario que o avale e sobre todo salvagardando, unha vez máis, os intereses do Estado e de empresas xestoras implicadas na desastrosa xestión do sistema de depuración desta cidade a costa dos recursos e intereses económicos da veciñanza de Ferrol.

 

O BNG presenta este recurso contra os acordos plenarios do 29 de outubro de 2020 que aprobou o recoñecemento extraxudicial de créditos, relativo a facturas de ACUAES polos interceptores xerais da marxe dereita da ría por un importe de 161.590.92 e contra o acordo do 24 de febreiro de 2022 que aprobou o compromiso de gasto correspondente ao 57,52% do total do custo do servizo prestado dos exercicios económicos de 2019, 2020 e os dous primeiros trimestres de 2021 por un importe de 1.116.928,68 €.

O BNG presenta un recurso contra os acordos plenarios relativos as facturas de ACUAES que Ferrol non tiña que pagar