O BNG pide compromisos inequívocos para a recuperación da ría
Ferrol 3 de marzo de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol participou esta mañá na reunión convocada polas confrarías da ría de Ferrol para abordar a situación deste espazo natural e plantexar alternativas de recuperación da mesma e na que botou en falta un compromiso claro e inequívoco tanto goberno central como da Xunta de Galiza sobre o futuro da ría de Ferrol.
O BNG esixiu ás administracións que asuman a súa responsabilidade respecto da situación de deterioro dun espazo económico e medio ambiental como é a ría de Ferrol. Ao Estado como principal responsábel das infraestruturas de saneamento e de enxeñaría como peiraos e pontes e á Xunta como administración que debera desenvolver as tarefas de control, inspección e mantemento e que durante todos estes anos tolerou o deterioro deste espazo.
Iván Rivas salientou que non chega con desenvolver estudos senón que é preciso adquirir compromisos concretos e pediulle as administracións responsables que deixen de empregar a ría de Ferrol como lugar sen lei onde durante anos acometeron constantes agravios medio ambientais sen importarlles as consecuencias como o peirao carboeiro, os restos da ponte das pías no fondo da ría, o peirao exterior ou o mesmo acceso ferroviario.
Vai sendo hora que asuman as consecuencia das decisións que tomaron no pasado e resarzan a débeda histórica que teñen cos veciños e veciñas da ría de Ferrol comprometéndose con consignacións económicas que a día de hoxe non existen e permitan iniciar o camiño para a limpeza dos fondos da ría e dragado de lodos; a eliminación de barreiras artificiais, a comezar polo peirao carboeiro, que impiden a súa rexeneración natural; e a transformación do sistema de saneamento, pasando dunha rede unitaria a unha rede separativa, que elimine os verquidos directos á ría e reduza os custes medio ambientais e económicos da xestión desta infraestrutura.
Iván Rivas, así mesmo, lamentou e censurou que Angel Mato, alcalde da cidade non asistirá a esta reunión o que demostra o pouco interese do goberno local pola recuperación da ría de Ferrol.