O BNG aposta pola construcción naval civil e a incorporación de persoal para impulsar a actividade en Navantia
Ferrol 29 de marzo de 2021. Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, valorou esta mañá a situación pola que está a pasar o principal sector produtivo da cidade no contexto actual após unha folga xeral e as afirmacións e posicionamentos que se están a manter por parte dos partidos políticos con responsabilidades na Xunta e no goberno Central que considerou hipócritas e demagóxicas diante do que leva vivido o naval na nosa cidade, da situación actual e do que nos están a ofrecer para o futuro.
Rivas defendeu que o proceso de reactivación do principal sector produtivo da cidade ten que pasar por tres piares fundamentais: a adopción dunha dirección política e empresarial que non condicione futuro dos estaleiros as directrices do Mº de Defensa, un segundo aspecto que ten que ver coa necesidade de dotar de carga de traballo no ámbito da construción civil e por último coa necesidade de contar coas infraestruturas e o persoal necesario para poder desenvolver toda esta actividade.
Ivan Rivas en relación coa situación do persoal, referiuse ao desenvolvemento do plan estratéxico 2018-2020. Un plan que implicou, de facto, unha redución do plantel da empresa principal de máis do 25%. Este plan contemplaba unha baixa de 2207 traballadores e a incorporación de 1658. Unhas cifras das que na ría de Ferrol aínda estamos agardando pola incorporación da parte que nos toca. porque si algo se ten feito como atestigua o ultimo informe de xestión da empresa Navantia (2019) é a tramitación e finalización dun procedemento de despido colectivo, ERE 20/2019, que supuxo o despido de algo máis de 1300 traballadores. Estas baixas, que se refiren a persoal maior de 61 anos implicaron que o plantel de Navantia con respecto ao do ano 2018 se reducise en 1074 traballadores.
E o problema non está nas prexubilacións desenvolvidas en 2019 e que continuarán durante os anos seguintes senón no feito de estamos inmersos nun novo proceso de reestructuración da empresa principal como os padecidos en épocas anteriores xa que nin se teñen feito as incorporacións que se contemplaban no plan estratéxico 2018-2022 nin estas son suficientes.
Se queremos facer dos estaleiros da ría uns estaleiros produtivos e competitivos necesitamos contratar persoal, non despedilo.
Ivan Rivas sinalou que si queremos adaptar os nosos estaleiros para poder desenvolvernos no ámbito da construción naval en todos os seus ámbitos, civil e militar, necesitamos que non só non se produza ningunha amortización de postos de traballo senón que se produzan novas incorporacións e que ademais formemos ao persoal que se incorpore para poder desenvolvernos no ámbito da construción naval civil. Por iso desde o BNG temos claro que o primeiro que teriamos que facer é deixar sen efecto o plan estratéxico 2018-2022 que implica un proceso de redución de máis do 25% dos postos de traballo existentes na empresa principal.
Para o BNG é fundamental para o futuro dos estaleiros mudar a política de contratación de persoal da empresa e desvincular a incorporación destas persoas da carga de traballo deixando sen efecto o plan estratéxico 2018-2022.
É necesario ademais que se incorporen de maneira inmediata e urxente,e que tras a súa incorporación iniciemos un proceso de formación para desenvolvernos no ámbito, que consideramos fundamental para encarar o futuro que é o da construción naval civil.
Porque si algo se ten demostrado ao longo dos últimos anos é que seguir limitados ao gueto da construción militar é un suicidio económico e laboral e por tanto compre mudar.
Iván Rivas salientou que basta xa de enganos e de mentiras e de dicirnos que vai haber carga de traballo cando, a dia de hoxe, todos somos conscientes de que temos as gradas baleiras e se está a producir un novo proceso de reestruturación despois de sufrir nos últimos anos o desmantelamento da industria auxiliar na comarca.
As promesas e anuncios incumpridos de floteis, BAM, AOR, ou inicio de corte de chapa das F110 durante os últimos anos son manifestos e deixan ás claras a hipocrisía e demagoxia do PP e do PSOE que baleiraron as gradas dos estaleiros sendo conscientes do que facían dado que como recoñece a mesma empresa nos seus informes de xestión, a primeira das 5 famosas fragatas F110 poderá entregarse como moi cedo en 2026.
Isto implica que os estaleiros da ría carecen de carga de traballo para enfrontar os próximos anos e que os anuncios ou as propostas feitas de diferentes tipos de contratos que nunca se efectivizan e que nos prometeron un futuro marabilloso eran todo mentiras.
É hora de enfrontar a realidade e preparar os estaleiros da ría para desenvolvernos no ámbito da construción naval civil.
É inaceptable que se nos queira facer crer que montar estruturas metálicas como soporte para a eólica mariña é desenvolverse no ámbito da construción civil.
Sobre todo cando existen oportunidades de desenvolvemento que levamos anos deixando pasar e que intencionadamente se silencian mentres nestes ámbitos a cota de mercado de estaleiros europeos se incrementa.
Os Países Baixos levan anos contratando buques de transporte de mercadorías offshore ou buques remolcadores.
Francia, Finlandia e sobre todo Italia cada ano incrementan os pedidos no ámbito dos buques cruceiros mentres os estaleiros da ría seguen confinados ao ámbito militar.
Este nicho de mercado dos buques cruceiro supón para Europa a maioría das contratacións no ámbito da construción naval civil. Concretamente o 59% das CGT formalizadas nos tres últimos anos.
A carteira de pedidos de buques cruceiro en Europa durante o ano 2019 foi a de maior volume do decenio con 14,6M de CGT e representou o 65% da carteira de pedidos europea.
Mentres isto acontece aquí miramos cara outro lado e queda patente que non hai ningunha vontade política para mudar este rumbo.
Vai sendo hora de que rompamos eses tabús e asumamos que aquí o que facemos son barcos, non estruturas metálicas, non soldaduras de ferros senón buques de carácter civil ou de carácter militar pero con capacidade para poder competir e desenvolver un sector básico e fundamental para o futuro deste estaleiro.
Porque como sinalou o portavoz municipal do BNG, este é o terceiro aspecto fundamental que compre mudar. A vontade política e empresarial para poder desenvolvernos no ámbito da construción civil.
Iván Rivas, indicou que a dirección empresarial e política da empresa Navantia ten como prioridade circunscribir o ámbito de actuación da empresa no sector militar tal e como se demostra nas decisións políticas que se teñen adoptado ao longo dos últimos anos.
A mesma Navantia recoñece no seu informe sobre o estado da empresa de 2019 que a unificación do Mercado Europeo de Defesa implicaría a especialización por produtos de dito mercado coa
conseguinte redución da cota correspondente no mercado Internacional.
E o certo é que o goberno central, por decisión do Consello de Ministros de 25 de xullo de 2014 asignou ao Ministerio de Defensa a capacidade para planificar, dirixir e executar as políticas necesarias cara o fortalecemento do sector industrial da defensa e o Mº de Defensa posúe desde aquela os dereitos da participación pública estatal na empresa e lidera a acción de goberno en relación aos procesos de reestruturación e consolidación da mesma a nivel estatal e internacional.
Obviamente o Mº de Defensa orientará a Navantia cara o desenvolvemento estratéxico no ámbito da construción militar e por tanto, parece obvio que se queremos ampliar o ámbito de actuación da empresa teremos que mudar esta dirección empresarial para poder acometer outro tipo de iniciativas que diversifiquen as actuacións no ámbito da construción naval civil.
Lonxe de limitar a influencia do Mº de defensa á dirección da empresa, en 2018 o Estado declarou o Arsenal como zonas de interese para a defensa do Estado e obriga a que calquera tipo de actuación que se pretenda desenvolver neses terreos debe contar coa autorización do Mº de defensa.
O exemplo máis recente do que esto implica e a negativa do Mº de Defensa a autorizar o estudo de detalle para o desenvolvemento do taller de subloques n sen aportar ningún argumento.
Para o BNG é inaceptábel que se prioricen os intereses da defensa do estado fronte aos intereses de desenvolvemento económico e social desta cidade e cómpre, polo tanto, que se modifique o real decreto que entrega a Defensa a competencia sobre Navantia tanto no que se refire ao desenvolvemento das súas instalacións como no que se refire á dirección empresarial e política da empresa.
En resumo, basta xa de tabús, mentiras e silencios cómplices, se queremos facer dos estaleiros da ría o principal sector económico da cidade compre dotalos do persoal que permita desenvolvernos no ámbito da construción civil cunha dirección empresarial e política que teña este obxectivo como prioritario.