MIRANDA SUBLIÑA QUE FOI O BLOQUE QUEN SEMPRE DEFENDEU A REXENERACIÓN DAS RÍAS EN EUROPA, CLAVE PARA RECUPERAR A ACTIVIDADE MARISQUEIRA
Pontón destaca en Ferrol que o escano do BNG en Bruxelas defenderá os sectores produtivos como a pesca e o naval
Ferrol, 27 maio 2024.- A portavoz nacional, Ana Pontón, e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, participaron nun reparto electoral en Ferrol, onde aproveitaron para destacar que o escano do BNG servirá para defender os sectores produtivos fronte ás políticas dunha Unión Europea empeñada en limitar a capacidade de producir de Galiza, en particular no sector pesqueiro e naval.
O BNG aposta porque Galiza teña voz propia pero tamén voto en todos aquelas mesas de negociación onde se decidan temas fundamentais para o País, de xeito directo e sen intermediarios, e subliñou o moito que está en xogo na cita coas urnas do vindeiro 9 de xuño, porque en Bruxelas cada día se toman decisións que impactan na vida dos galegos e das galegas.
Cuestións relativas ás cotas de pesca, ás infraestruturas, ao reparto das axudas a través da PAC ou da Política Pesqueira Común ou ao medio ambiente e a preservación do noso territorio. Neste sentido, a candidata subliñou que foi sempre o BNG quen defendeu a rexeneración das rías galegas, imprescindible para recuperar toda a actividade marisqueira e os postos de traballo perdidos e que, tras lograr a rexeneración da Ría do Burgo, agora toca como prioridade conseguir recuperar a Ría de Ferrol.
Pontón e Miranda destacaron a importancia de que Galiza teña voz propia en Europa para defender os intereses do País, porque sen o BNG os asuntos galegos estarían completamente desaparecidos da axenda europea; pero o escano galego tamén vai servir para construír outra Europa posible, social, xusta, dos pobos, antimilitarista e antifascista.
“O escano nacionalista valerá para construír unha Europa antifascista, defender a democracia e os dereitos e liberdades”, como a diversidade lingüística e cultural, o dereito das persoas a amar a quen queiran, o feminismo, a loita contra a LGTBIfobia, o racismo ou que non se criminalice ás persoas que foxen da pobreza ou das guerras, enumerou, explicou Pontón.
“Esa é a Europa que queremos dende o BNG e a que se pode construír co voto ao Bloque o próximo 9 de xuño”, recalcou para anunciar que, precisamente con ese obxectivo democrático, a formación nacionalista promoverá tamén dende Europa o cumprimento da resolución que avoga pola ilegalización da Fundación Francisco Franco, “que mesmo ten recibido cartos públicos do Goberno do PP”, advertiu.
“Se hoxe dixeramos que en Alemaña hai unha Fundación Hitler nos levaríamos as mans á cabeza e, sen embargo, no Estado español permítese a impunidade desa Fundación Franco”, reflexionou para censurar que esta entidade continúe exaltando ao ditador. “É unha ofensa para as vítimas do Franquismo e unha aberración democrática intolerable nunha Europa que queira realmente construírse sobre os valores da defensa das liberdades, dos dereitos e da xustiza social”, afirmou.
Pontón empregou este exemplo para advertir de que “corren malos tempos para a democracia e nos que se está alentando a intolerancia”, tempos nos que avanzan os discursos de odio da extrema dereita aos que lles dá alas un PP “cada vez máis ultra” como se pode ver a diario e como tamén se viu onte “co señor Rueda manifestándose en Madrid ao lado dos sectores máis reaccionarios da sociedade española, mentres en Galiza o BNG estaba coa cidadanía galega que estaba dicindo alto e claro que non quere industrias contaminantes como a de ALTRI en Palas de Rei.
A portavoz nacional criticou ao PP que branquee a unha “extrema dereita racista, machista e antigalega”, que se por algo se ten caracterizado é por “dinamitar todas as políticas de recuperación da memoria democrática ” e que, lonxe de promover a xustiza, a verdade e a reparación, “boicotea a dignidade das vítimas do franquismo”.
Pola súa parte, Miranda recordou que foi o BNG quen defendeu a ilegalización da Fundación Franco na Eurocámara cando se debateu o avance do fascismo en Europa e reivindicou o papel do Bloque na loita antifascista.
“Votar polo BNG é votar contra o fascismo, é votar por unha candidatura antifascista como vimos demostrando ao longo de todos estes anos”, incidiu para advertir que, nun contexto no que hai un “grave ataque” por parte da extrema dereita á democracia, ás liberdades e aos dereitos humanos, haxa quen a branquee “como fai o Partido Popular”.
Fronte á dereita e á extrema dereita, Miranda puxo en valor o papel desenvolvido polo Bloque en defensa da democracia, dos dereitos e liberdades e da memoria democrática. “Seremos, como fomos sempre, unha forza antifascista, tamén no Parlamento Europeo”, concluíu.