O BNG pregunta no parlamento pola substentabilidade do proxecto de saneamento para a ría de Ferrol.
Ferrol 19 de setembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego co obxectivo de que a Xunta de Galiza se posicione sobre se a rede de saneamento prevista para Ferrol se axusta as determinacións da Lei de Augas de Galiza na procura de dotarmonos dunha rede de saneamento substentábel.
O BNG na súa iniciativa tamén queren coñecer se a Xunta considera admisibel que os veciños e veciñas de Ferrol e Narón teñan que costear mediante tarifas fixas a execución das obras e mediante tarifas variables o mantemento dunha infraestrutura declarada de interese xeral desde o ano 1997 e na que o Estado non pon un só euro, senón que repercute o seu coste en Augas de Galiza e nos concellos de Ferrol e Narón. Tamén queren coñecer se é de recibo que pese a financiar os traballos nen a administración autonómica nen as dúas administracións locais implicadas non teñan capacidade de decisión sobre este proxecto.
O BNG lembra que o proxecto de acondicionamento do interceptor xeral da marxe dereita da ría de Ferrol, promovido pola confederación hidrogáfica do Miño-Sil con obxecto da posta en funcionamento da rede de saneamento integral da ría de Ferrol, contempla a construción dunha serie de tanques de tormenta distribuidos por todo o seu traxecto. A ubicación de varios destes tanques de tormenta teñen ocasionado as queixas veciñais pola súa ubicación en zonas verdes e parques públicos, como é o caso do inicialmente previsto para o parque da Ranita, en Ferrol vello, ou o previsto para a súa ubicación no parque Pablo Iglesias de Ferrol.
Se ben no primeiro destes casos buscouse unha ubicación alternativa, non ocorre o mesmo co Tanque de Tomentas que se vai ubicar no parque Pablo Iglesias e que vai a supor a destrución de máis dun 10% da superficie desta importante zona verde, afectando ao lugar máis utilizado actualmente neste espazo público, a zona de xogos infantís, e a zona máis próxima ás vivendas. Ademáis habería que valorar as consecuencias que terá sobre o arboredo existente, e o impacto estético consistente nun edificio de 14 metros de lado e catro metros de altura, ademáis dos ruídos e posíbeis olores que condicionará o uso futuro deste parque.
O BNG indica que tamén xurdiron dúbidas sobre o modelo de saneamento escollido neste proxecto debido à necesidade de apostar por un modelo de saneamento que sexa substentable dende un punto de vista ambiental, que permita a progresiva implementación de procesos de reciclaxe de augas pluviais, a reducción de emisións de augas residuais á ría de Ferrol e unha maior substentabilidade económica.