O BNG pide à Xunta que estude e protexa o pecio aparecido en Santa Comba
Ferrol 26 de febreiro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de promover no Parlamento Galego unha serie de iniciativas coa finalidade de que a Xunta de Galiza actúe con urxencia e garanta o estudo e conservación do pecio antigo aparecido na praia de Santa Comba.
O BNG rexistrou unha Proposición Non de Lei neste sentido e así mesmo quere coñecer que valoración realiza a Xunta de Galiza sobre a situación na que se atopan os restos do pecio aparecido na praia de Santa Comba, en Covas e que actuacións vai desenvolver para evitar que estes restos arqueolóxicos se deterioren.
O BNG lembra na súa iniciativa que os pasados días, a consecuencia dos temporais que azoutaron Galiza, apareceron na zona de Covas restos antigos dunha embarcación de madeira. Estes foron atopados por membros da asociación cultural da zona, Asociación Columba, que coñecían da existencia deles pois emerxían cada certo tempo. Porén segundo denuncian, este pecio atópase en perigo pois a forte ondaxe o está a deteriorar de maneira irreversíbel. De feito sinalan que xa se ven anacos que racharon a estrutura do barco.
Desde o Bloque Nacionalista Galego, coincidimos coa denuncia formulada por esta asociación cultural e instamos á Xunta de Galiza a actuar con dilixencia para evitar o deterioro destes restos arqueolóxicos e proceder á súa urxente preservación.
Segundo información difundida nos medios de comunicación, os restos do pecio foron visitados por un arqueólogo da Xunta de Galiza, mais non se teñen adoptado as medidas precisas para que estes restos sexan estudados e protexidos. Os expertos sinalan que estamos ante un pecio moi antigo, que mesmo podería datar do período postmedieval.
O BNG preguntalle à Xunta de Galiza se é consciente que a omisión da súa actuación sobre os restos do pecio, aos que ten a obriga non só de protexer se non de salvagardar fronte á súa inminente destrución, é realmente un delito flagrante contra o patrimonio marítimo e subacuático.