O BNG pide cambiar o pleno ordinario por coincidir coa manifestación comarcal pola reindustrialización
Ferrol 21 de novembro de 2019. O grupo municipal do BNG no Concello de Ferrol solicita ao alcalde da cidade que modifique a celebración do pleno ordinario do mes de novembro, previsto para o vindeiro xoves día 28, por coincidir coa convocatoria da manifestación pola reindustrialización das comarcal de Ferrolterra, Eume e Ortegal que terá lugar na nosa cidade.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que a convocatoria da manifestación comarcal é un argumento de peso que xustifica o traslado da sesión plenaria. Non ten sentido aprobar unha declaración institucional de apoio a esta convocatoria e que a corporación municipal non participe na mesma.
Rivas afirmou que para o BNG é unha obriga secundar esta convocatoria nunha comarca que está a sufrir un proceso de desmantelamento industrial consentido polo goberno do Estado.
Onde Endesa abandona o carbón porque alguén lle permite producir con gas e lle paga millóns por iso no canto de acometer a transición cara as renovables.
Alcoa pecha porque despois de que alguén lle agasallase unha empresa pública, millóns en subvencións e un prezo exclusivo da enerxía ninguén lle exixe nada.
Poligal deslocalízase porque alguén lle entregou millóns de euros públicos para montar as súas instalacións e ninguén lle obrigou a manter a produción en Narón.
Megasa quere bonificacións como as dos grandes consumidores de electricidade, aos que alguén concedeu unha tarifa baratísima a cambio de que paralicen o seu consumo se fose necesario. Algo que nunca aconteceu.
Navantia amortiza postos de traballo fóra e dentro porque alguén decidiu que Ferrol se adicase en exclusiva ao sector militar en ciclos decenais con anos de baleiro polo medio.
E non só nunca hai responsables de todo isto senón que as alternativas que nos venden pasan por máis do mesmo.
Mentres o goberno do Estado non quere nin oir falar de suprimir os pagos por capacidade ao gas nin as primas por ininterrompibilidade e menos dunha tarifa eléctrica galega, de prohibir ás empresas receptoras de fondos públicos a súa deslocalización, de reverter as privatizacións ou de abrir dunha vez a construción naval ao ámbito civil.
O BNG quere lembrar que por cuestións menos trascendentes a que a que nos ocupa os plenos ordinarios foron modificados e que existen fórmulas legais que posibilitan a celebración do pleno ordinario noutra data que non coincida con esta convocatoria.