O BNG considera necesario protexer a fraga de Menáncaro

O BNG considera necesario protexer a fraga de Menáncaro

Ferrol, 03 de abril, 2019. Despois de acudir na tarde de hoxe á fraga de Menáncaro (Serantes), produto da chamada dos veciños que alertaron do desenvolvemento dunha tala nese espazo da cidade, dende o BNG consideramos, que máis alá de clarificar cales son os permisos e os trámites administrativos que aprobaron estes traballos, esta acción amosa que a política medioambiental neste Concello leva ausente durante os últimos dous mandatos.

Tivemos que demandar a inclusión da prohibición de plantación de eucaliptos na ordenanza da xestión dos Montes do Cha, ausente na proposta do Goberno, e agora temos que insistir na necesidade de desenvolver unha política medioambiental proteccionista do bosque autóctono.

Porque a fraga de Menáncaro segue a carecer dalgunha protección especifica despois de dous gobernos locais do PP e FeC que obviaron a demanda existente dunha protección específica produto do intento de desenvolver unha urbanización especulativa nun espazo que debe ser protexido polo seu alto valor medioambiental.

Para o BNG é prioritario a modificación do PXOM co obxecto de impedir este tipo de urbanizacións e protexer de maneira especifica este espazo natural da cidade.

Esta será unha iniciativa que guiará a acción política do BNG de cara ao próximo mandato.