O BNG censura o gasto municipal de 18.000€ no concerto de Bisbal

O BNG censura o gasto municipal de 18.000€ no concerto de Bisbal

Ferrol 21 de marzo de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol censura que o Goberno Local gaste máis de 18.000 € (17. 950 € máis o I.V.E.)  na actuación do cantante David Bisbal, que terá lugar o vindeiro xullo na nosa cidade, ademais de ceder o campo municipal de futbol de A Malata e na que o Concello de Ferrol non vai obter ningún beneficio nin pola recadación nin por ningún outro concepto deste espectáculo.

 

O BNG non comparte a xustificación do goberno local de que este evento é un elemento de dinamización económica para a cidade e deixa à vista a pobreza das espectativas dun goberno local que é incapaz de xerar dinámicas propias de reactivación económica da cidade e enfía todas estas a actividades puntuais, neste caso dun promotor musical.

 

Ademais o BNG de Ferrol cremos que desde o Goberno Local debían aproveitar as festas de verán e as promocións culturais para facer de escaparate da nosa cultura, da expresión artística e da creatividade dos galegos e das galegas e o plantexamento feito desde o Goberno Municipal, na súa programación cultural, minusvalora a nosa produción artística co obxectivo de anular a nosa capacidade de expresión propia. Cremos, desde o BNG, que as administracións deben traballar na promoción e desenvolvemento deste sector en Galiza e as administracións teñen a obriga de alentar estes obxectivos e non irmos constantemente a ambitos foráneos que non teñen vínculos de ningún tipo co tecido cultural galego para axudar ao seu crecemento.

 

O BNG destaca que este é un gasto público, a todas luces, innecesario tendo en conta, ademais, que o Concello de Ferrol xa ten asinado un contrato bianual para a realización entre outras das festas de verán, en cuxos pregos de condicións figuraba como posíbel opción de contratación o nome de David Bisbal, polo que este espectáculo supón un gasto a maiores dos xa previstos para as festas municipais.