Valoracións do BNG tras a xunta de portavoces sobre a situación do Coronavirus en Ferrol

Ivan Rivas
Ivan Rivas
Valoracións do BNG tras a xunta de portavoces sobre a situación do Coronavirus en Ferrol

Ferrol 27 de marzo de 2020. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, despois da xunta de voceiros desenvolvida esta mañá entre os grupos municipais da corporación, quereriamos facer algunhas consideracións respecto da situación que estamos a vivir ao longo destes días.

 

O primiero que quixeramos sinalar é que a situación actual múdao todo e que este feito debería servir para orientar a política municipal desde unha perspectiva totalmente diferente, que poña en primeiro plano aos sectores máis vulnerabeis e aos veciños e veciñas desta cidade.

 

Con este obxectivo, desde o BNG consideramos que hai dous ámbitos de actuación prioritarios e así o comentamos na reunión desenvolvida esta mañá co resto de grupos municipais. Por unha parte están aquelas medidas que teñen que ver coa actual situación desde un punto de vista do seu carácter sanitario.

 

En primeiro lugar consideramos preciso extremar a vixilancia respecto dun sector vulnerable como son os maiores desta cidade. Por iso cremos que sería importante monitorizar cal é a actual situación das residencias de maiores o que nos permitirá prever calquera tipo de necesidade e saber como actuar fronte a esta urxencia.

 

En segundo lugar pensamos que aquelas actividades económicas que non sexan de carácter esencial e que dependan directamente do concello de Ferrol deberían ser paralizadas. Referímonos á contratación de obras públicas ou a contratación de servizos que non sexan necesarios no actual contexto. Esta decisión podemos adoptala respecto das obras e servizos contratados polo concello co obxecto de garantir a seguridade dos e das traballadoras afectadas e dos veciños e veciñas da cidade e sen entrar en colisión coas medidas adoptadas no decreto do estado de alarma que permiten a continuidade da actividade laboral.

 

En terceiro lugar, pensamos que sería moi positivo poder desenvolver un rexistro de voluntarios e voluntarias con perfís persoais e profesionais que poidan ser útiles neste momento (psicó[email protected], traballadores e traballadoras sociais, estudantes ou profesionais de ramas sanitarias, etc.) para funcións como atención psicolóxica, loxística na atención sanitaria, acompañamento telefónico e dixital ou calquera medida abalada polas autoridades sanitarias que poida ser de utilidade para a veciñanza, o que axilizaría moito a posibilidade de resolver urxencias ou necesidades básicas no concello de Ferrol.

 

O outro ámbito de actuación e o que ten que ver coa adopción de medidas de carácter económico que poidan axudar a paliar situacións que estamos a vivir estes días pero que esten destinadas a resolver xa problemas a curto prazo no futuro.

 

Para iso pensamos que é necesario que o concello asuma a necesidade de gastar o diñeiro que ten esta administración na xente e en servizos que a día de hoxe poidan estar precarizados e que son cada vez máis neceasrios. Para iso é fundamental deixar nun segundo plano dunha vez por todas os criterios de austeridade económica e de estabilidade orzamentaria establecidos pola administración estatal e empezar a destinar os recursos públicos a resolver problemas dos veciños e veciñas. E se para iso é necesario contratar préstamos pois teremos que facelo, xa que cremos que ese non é o problema actual desta cidade.

 

Ao mesmo tempo teremos que asumir que a contratación pública de persoal para prestar estes servizos debe ser unha prioridade neste concello independentemente das taxas de reposicións do persoal funcionario, que deberían quedar nun segundo plano como os criterios de austeridade económica aso que antes nos referimos.E máis nun momento no que os despedimentos se están a producir de maneira masiva no coxunto de empresas da cidade e da comarca.

 

Por último pensamos que é básico que desenvolvamos e impulsemos unha modificación inmediata das ordenanzas fiscais ao tempo que cuestións xa analizadas como os sobrecustes nos recibos do lixo ou o carácter retroactivo da taxa de depuración deben quedar paralizadas de maneira imediata coa finalidade de adoptar a súa anulación de maneira urxente.

 

Ao mesmo tempo deberiamos adoptar acordos mínimos entre todos os grupos municipais para modificar as ordenanzas fiscais e a carga tributaria á que están sometidos os veciños e veciñas da cidade implementando bonificacións, axudas e exencións para que a veciñanza poida sobrelevar unha situación que nunca se deu e que ten consecuencias que a día de hoxe son imprevisibeis. Pero por moito que sexan imprevisíbeis o concello de Ferrol deberia actuar de maneira inmediata para poder revertir o contexto no que nos atopamos en busca dunha saída a toda esta situación.

Valoracións do BNG tras a xunta de portavoces sobre a situación do Coronavirus en Ferrol