O BNG pregunta a Defensa pola instalación de parques eólicos en terreos da súa propiedade en Ferrol

Néstor Rego e Iván Rivas
Néstor Rego e Iván Rivas
Iván Rivas indicou que a solicitude deste parque eólico, o máis grande dos previstos na nosa cidade, que se sitúa nos montes de Mougá, Doniños e a Bailadora, afecta a terreos de propiedade pública, neste caso do Ministerio de Defensa, polo que cómpre coñecer se o Ministerio de Defensa ten algún acordo cos promotores deste parque eólico e se ten previsto autorizar a ocupación dos seus terreos.
O BNG pregunta a Defensa pola instalación de parques eólicos en terreos da súa propiedade en Ferrol

Ferrol 19 de abril de 2021. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol rexistrou unha iniciativa no congreso dos Deputados co fin de que o Ministerio de Defensa aclare a súa vinculación co parque eólico que se pretende instalar na zona de Mougá, xa que o mesmo ten previsto a instalación de aeroxeneradores no miradoiro do Pedrouzo, terreos estes propiedade do Ministerio de Defensa.


 

O portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, indicou que a solicitude deste parque eólico, o máis grande dos previstos na nosa cidade, que se sitúa nos montes de Mougá, Doniños e a Bailadora, afecta a terreos de propiedade pública, neste caso do Ministerio de Defensa, polo que cómpre coñecer se o Ministerio de Defensa ten algún acordo cos promotores deste parque eólico e se ten previsto autorizar a ocupación dos seus terreos.

 

Iván Rivas quixo destacar a pouca información que as administracións públicas, tanto Xunta como Concello, como neste caso o Goberno Central está a facilitar sobre estes proxectos e as repercusións que os mesmos van ter no noso concello. E lembrou que os proxectos solicitados para o noso concello teñen previsto asentarse en terreos de titularidade pública, como este que nos ocupa de Defensa, o previsto para os montes de Brión, nos montes do Chá, que se sitúa en terreos propiedade municipal.


 

Iván Rivas, volve a insistir en que se tratan de parques eólicos que contemplan aeroxeneradores dunhas dimensións salientables, que superarán os 200 m. de altura, e que se pretenden situar próximos á rede Natura e ao logo de todo o litoral atlántico do noso concello desde a zona superior de San Filipe até o límite con Narón sobre a praia de Ponzos.


 

Indicou que a proximidade a contornos protexidos e cun alto valor ambiental e patrimonial e patente e puxo como exemplo que algúns destes elementos se sitúa a menos de 500m. do núcleo de poboación de Doniños, ou a menos de 1km. da propia praia de Doniños ou do areal de San Xurxo.


 

O portavoz municipal indicou que se está a regalar o espazo público e a paisaxe natural a grandes compañías a cambio de irrisorias compensacións para as propietarias e os Concellos. Neste sentido sinalou que o problema non é a enerxía eólica é o xeito no que se están a realizar os proxectos de maneira masiva, non planificada e a grande escala afectando a zonas de grande valor ecolóxico, medioambiental e patrimonial.

 

Tal como están concibidos e dimensionados, primando a máxima produtividade e beneficio para as empresas promotoras os efectos no territorio acostuman ser devastadores: máis alá da ilusión das escasas rendas que producen, a realidade é que xeran moi poucos postos de traballo e deixan detrás unha pegada de desertización e despoboamento.

 

O BNG lembra que na actualidade, os propietarios reciben de media entre o 1,1 e o 2,4% do total da facturación dos parques. Se se teñen en conta os ingresos dos concellos por IAE, IBI e imposto de construción a parte que fica no territorio da facturación é de aproximadamente o 5%.

 

 

Desde o BNG volven a demandar que se garanta a transparencia e a avaliación ambiental destes tres proxectos, e que se someta á información pública as propostas presentadas. Por estas razóns o portavoz municipal pediu novamente ao Alcalde desta cidade que denegue a autorización para a solicitude que afecta a terreos de propiedade municipal localizado nos montes de Brión e solicita tamén á Xunta de Galiza que paralice a tramitación destes proxectos e de conta inmediata aos e ás interesadas da información que posúe ao respecto destas tres instalacións.

 

O BNG pregunta a Defensa pola instalación de parques eólicos en terreos da súa propiedade en Ferrol