O sábado manifestación veciñal no Bertón para esixir melloras no barrio

O sábado manifestación veciñal no Bertón para esixir melloras no barrio

Ferrol 29 de xaneiro de 2014. Veciños e veciñas do Bertón xunto ao BNG decidiron convocar uha manifestación que terá lugar o vindeiro sábado 1 de febreiro às 11:30 horas para reclamar máis atención por parte da Xunta e do Concello e melloras no contorno do Barrio. Asi mesmo reclamarán o inicio das obras de urbanización comprometidas para as rúas Bertón e Barbeito que se atopan paralizadas.

Os veciños e veciñas do Bertón logo de varios meses de mobilizacións acordaron, nunha asemblea veciñal celebrada hai quince días, volver a mobilizarse para esixir da Xunta e do Concello as seguintes reivindicacións:

- Polo inicio das obras de urbanización do “Y” do Bertón: rúas Bertón e Barbeito. Esixen que se retomen os traballos paralizados desde o mes de novembro, xa que as zanxas que deixaron abertas provocan molestias e inseguridade tanto ao tráfico peonil coma ao rodado, están convertidas en auténticas pozas de almacenamento de auga, e moitas delas afectan as entradas e diante das vivendas . Asi mesmo temen que o retraso acumulado incida nos prazos de finalización destes traballos e que se prolonguen máis alá dos prazo de execución fixados.

- Que a Xunta e o Concello adquiran o compromiso de urbanizar, ao mesmo tempo, as zonas non incluídas no proxecto de urbanización do “Y” do Bertón, co fin de evitar máis retrasos nos traballos e novas obras a posteriori. Neste proxecto de urbanización fican fora do mesmo unhas zonas de conexión e entronque do polígono con estas rúas, queremos o compromiso da Xunta de Galiza de que acometerá a urbanización destes entronques para que a urbanización sexa completa.

- Que a Xunta subsane as deficiencias da obra de urbanización do polígono do Bertón para que este poida ser recepcionado polo Concello. Xa que ao existir varias deficiencias nesta urbanización que afectan aos viarios e a rede de servizos dentro do polígono o Concello non asume a recepción dos traballos.

- Que se garanta a limpeza e mantemento adecuado e continuo do polígono do Bertón.

- Que a Xunta e o Concello celebren cos veciños e veciñas unha Asemblea Informativa para explicar os pormenores destas obras. Os veciños e veciñas reclaman, máis información sobre estas obras, sobre a finalización das mesmas, sobre as zonas que ficaran sen urbanizar e sobre os prazos fixados. Cómpre lembrar que esta é unha das reivindicacións que o pasado mes de decembro veciños e veciñas fixeron ao goberno municipal avalada por máis de trescentas sinaturas e que o goberno local non tivo a ben atender.

acto no Bertón polo abandono do barrio

O sábado manifestación veciñal no Bertón para esixir melloras no barrio