En resposta a X.M. Beiras

En resposta a X.M. Beiras

Ferrol 29 de abril de 2016. Desde o Bloque Nacionalista Galego de Ferrol queremos preguntarlle ao señor Beiras se é coñecedor da situación actual da cidade de Ferrol, onde por parte do goberno municipal se está a desenvolver unha prática política moi similar a do anterior goberno do Partido Popular e da que son claras mostras a aprobación do Plan Especial de Ferrol Vello, a asunción do Convenio con Defensa, o convenio con ACUAES, a xestión da EDAR por EMAFESA prorrogando o convenio con Augas de Galiza, a continuidade do Plan de Transporte Metropolitano ou as prorrogas para a xestión dos servizos básicos como a xestion das instalacións culturais, o mantemento de xardíns ou o subministro eléctrico.

É por isto que o BNG vai seguir a desenvolver unha política baseada na coherencia e na defensa dos principios ideolóxicos cos que se presentou ás eleccións municipais. Esta coherencia é a que está a poñer en evidencia as contradicións, as dependencias de Madrid e as similitudes co PP nos principais eixos políticos da xestión municipal por parte do actual goberno, do que forma parte a organización política á que o señor Beiras pertence.

Desde o BNG poñemonos a disposición dun goberno que pretenda que as cousas cambien, que mude o rumo e oriente noutro sentido as súas decisións a tomar. O BNG pídelle ao señor Beiras, parafraseando as súas palabras, que os que se proclaman deste país actúen en función dos intereses dos galegos e galegas e neste caso dos ferroláns e ferrolás, onde atoparán sempre ao BNG, pero que esta non é a circunstancia da cidade de Ferrol onde a política “criminal”, como el mesmo a definiu, desenvolvida polo PP está lamentabelmente a atopar continuidade nas decisións adoptadas polo goberno municipal de Ferrol en Común e o PSOE, algo que obviamente non podemos compartir.

En resposta a X.M. Beiras