O BNG esixe que se mellore o transporte público ao Hospital Naval

O BNG esixe que se mellore o transporte público ao Hospital Naval

 

Ferrol 14 de novembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixe ao Goberno local que xestione de inmediato que o transporte público preste servizo ao Hospital Naval por considerar prioritario dotar deste servizo, con frecuencias adecuadas, a esta infraestrutura pública do mesmo xeito que se lle está a prestar ao “Parque Ferrol”.

O BNG considera unha prioridade para a cidade que os centros de saúde teñan un adecuado servizo de transporte público, polo que pide que por parte das administracións responsábeis deste servizo, o goberno local e a Xunta de Galiza, se teña en consideración aos e as usuarias e persoal deste servizo prioritario, como é o Hospital Naval, e se facilite à chegada do autobús até este centro hospitalario coa mesma axilidade coa que se dotou de parada ao centro comercial “Parque Ferrol”.

O BNG advirte que levamos anos asistindo a unha merma significativa nos servizos que prestan as dúas empresas que teñen a concesión de explotación das liñas que discorren polo noso concello. A demanda histórica de dotar de servizos de autobús que cubran as necesidades dos usuarios e usuarias Hospital Naval ou a zona rural, que leva moitos meses esixindo un plan de transporte que garanta un servizo público en condicións que cubra as necesidades dos veciños e veciñas destas parroquias, non obteñen ningún resultado nen resposta por parte do Goberno Local.

Cremos que o goberno local de Ferrol debería demandar da Xunta de Galiza a adecuación do servizo ás necesidades do concello co fin de dar cumprimento ao Plan de Mobilidade. Debemos esixir da Xunta a prestación dun servizo de transporte público axeitado ás necesidades económicas e sociais da cidade ou recuperar a concesión para xestionar este servizo municipalmente para adecualo ás necesidades da cidade, solicitando da Xunta o financiamento para poder desenvolvelo.

BNG polo Transporte público

O BNG esixe que se mellore o transporte público ao Hospital Naval