APOBADA A CANDIDATURA DO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS FERROL, A MÁIS REPRESENTATIVA DA SOCIEDADE LOCAL

APOBADA A CANDIDATURA DO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS FERROL, A MÁIS REPRESENTATIVA DA SOCIEDADE LOCAL

101_3115Ferrol 28 de marzo de 2015. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol celebrou na tarde de onte unha asemblea aberta na que aprobou por aclamación os nomes das persoas que completan a candidatura coa que o BNG-Asembleas Abertas se presentará ás eleccións municipais de maio. Unha candidatura que, encabezada por Iván Rivas, se caracteriza pola pluralidade, a renovación, na que máis da métade das persoas que a integran proceden do proceso de asembleas abertas impulsado polo BNG, é dicir non son miltantes do BNG, e a inclusión na mesma de persoas que teñen participado activamente, nos últimos anos, nas diversas reivindicacións sociais que se teñen producido na nosa cidade amosando un forte compromiso coa loita social en defensa das maiorias populares e coa clara convicción da necesidade de contarmos en Ferrol cunha alternativa nidiamente galega.

O BNG considera que nas vindeiras eleccións do mes de maio non vai haber ningunha candidatura na cidade que sexa máis representativa do que é nestes momentos a sociedade ferrolá, como a do BNG-Asembleas Abertas. Unha candidatura de homes e mulleres que é un reflexo da diversidade de persoas que loitan día a día por mudar a situación e enfrontar o noso futuro desde a nosa realidade, unha candidatura na que se integran até 13 persoas que non militan no BNG, e unha candidatura na que participan activistas veciñais, afectados polos retrasos sufridos no Bertón, polo estado de San Xoán, activistas da plataforma contra o trazado sur, desempregadas, contra a taxa de saneamento, dos movimentos de defensa da sanidade e do ensino público, do naval, en definitiva, activistas na defensa dos dereitos sociais e laborais na nosa cidade.

Ao igual que no primeiro tramo –que foi aprobado en asemblea aberta o 28 de novembro de 2014-, este segundo tramo inclúe militantes do BNG e persoas independentes (non militantes do Bloque), todas elas activistas que encarnan as distintas loitas sociais. Os nomes elixidos na asemblea aberta foron os seguintes: Ramón Fernández (membro da Executiva Comarca da CIG); Luisa Sánchez (Activista Cultural); Roberto Montero (Traballador da industria Auxiliar do Naval e delegado sindical); Laura Maroto (técnica de laboratorio); Xián López (Estudante); Antonia Martínez (Secretaria Comarcal da CIG ensino); Avelino Castro (Activista veciñal en Canido); Dolores Prieto Luna (mestra); Lois Sánchez (economista); Patricia Ibargüen (auxiliar de xeriatria); Antonio Garcia (Veciño do Bertón e delegado sindical en Distrigalicia); Celsa Garcia (mestra); Xoán Xosé Lourenzo (mestre no Manuel Masdías); Ana López (desempregada); Santiago Varela (profesor no CIFP Ferrolterra); Remedios Varela (xubilada e activista dos hortos urbanos); Vicente Fernández ( traballador da UDC), Teresa Parada (xubilada); David Galdo (Pintor e delegado Sindical); e pecha a candidatura Alexandre Garcia Regueira (Biólogo e Activista do ecoloxismo na cidade).

A candidatura do BNG-Asembleas Abertas xurdiu logo dun proceso de asembleas abertas en que se propuxeron nomes e perfís para conformar a candidatura nacionalista. A raíz do proceso “Construíndo futuro”, incorporáronse á candidatura persoas non militantes do BNG tendo como obxectivo o recoñecimento da existencia e dos dereitos do noso país e dunha cidade que non pode soportar mais o sometemento e as decisións que proveñen da centralidade política e económica do estado.