A cidade derrúbase... Imos facer algo?

A cidade derrúbase... Imos facer algo?

Ferrol perde 1.000 habitantes ao ano desde Rey Varela, o 20% da vivenda está baleira, as rúas desertas e o transporte só existe para dar beneficio ás empresas.Mentres PP, PSOE e FeC discuten sobre festivos locais. Pero...

1. Se o transporte público é tan precario, por que segue en mans das mesmas concesionarias que co PP?

En 2016 o Tribunal Supremo anulou as prórrogas ás concesionarias de transporte que o PP adxudicou en 2009. Aínda así FeC e o PP entregáronlle en 2017 ás mesmas empresas as mesmas concesións que o Tribunal Supremo anulou.

2. Se o 20% das vivendas da cidade están baleiras, por que sube o aluguer?

Ferrol, xunto a Vigo é a cidade con máis demanda de vivenda social de Galiza e pese a ser a cidade con máis vivenda baleira do país o prezo do aluguer subiu un 8% no último ano, porque a pesar da miseria segue a haber especulación.

3. Se perdemos 1.000 habitantes ao ano, por que PP, PSOE e FeC queren construír novas urbanizacións?

Como as 460 novas vivendas incluídas no Plan do Sánchez Aguilera que FeC non quixo anular, pese a ilegalidade do convenio asinado por Rey Varela co Ministerio de Defensa e onde se nos obriga a pagar 500.000 euros a cambio de ruínas.

4. Se os centros históricos do mundo están expulsando os coches das súas rúas, por que en Ferrol non?

Aínda que non se atreven a dicir que están en contra, a peonalización de Rey Varela foi a mesma que a de Jorge Suárez, ningunha. Porque no fondo actúan con medo e responden aos intereses duns poucos en prexuízo do resto.

5. Se os aparcadoiros que existen están baleiros, por que o PP propón un novo na Praza de Armas?

Ferrol pagou 2,4M polo rescate dunha concesión que remataba en 2018. Pero o PP quere seguir facendo negocio co espazo público cun novo aparcadoiro no corazón do barrio a peonalizar para entregarllo a unha concesionaria durante décadas.

En resumo, o transporte público está en mans privadas, os edificios en mans duns poucos, o urbanismo faise con criterios especulativos e a solución para os coches é entregarlle a concesión dos aparcadoiros no espazo público a concesionarias.

E aínda pensas que é mellor que todo siga igual?

  • Recuperar a xestión do transporte para o Concello.
  • Peonalización inmediata de A Magdalena.
  • Gastar o diñeiro en rehabilitar, non en especular.
  • Exixir á Xunta que pague por dar servizo de transporte ao resto da comarca.
  • Poñer impostos a especulación de vivenda e baixos baleiros.
  • Impedir a construción de novas urbanizacións.

 

Se queres resultados diferentes, non fagas sempre o mesmo