Paga o que debes

Iván Rivas

Paga o que debes

A conta xeral do concello pon de manifesto cada ano o que todos e todas sabemos pero do que ninguén quere falar: Aquí as obrigas e tributos son para uns poucos, outros como o Estado e as transnacionais consideran Ferrol como o seu cortijo e teñen dereito a todo pero obriga de nada.


Emafesa que xestiona a auga do concello a cambio dun canón concesional non o paga regularmente porque PP e FeC llo toleraron.


Navantia só paga o IBI se llo exixe un xuíz e mentres racanea os salarios aos traballadores das auxiliares levámoslle a auga e a luz ás portas do estaleiro.


O Ministerio de Defensa non paga polas propiedades con obriga de facelo como o Sánchez Aguilera nin compensa á cidade por ocupar o 20% do solo urbano mentres lle recollemos o lixo.


A Autoridade Portuaria á que acoden os bombeiros ferroláns en caso de emerxencia, non paga 0,7 millóns de euros ao ano porque “ella lo vale”.


E así mentres alcaldes presentes e pretéritos seguen vendéndonos a moto da solidariedade do Estado e das vantaxes de privatizar os servizos básicos unha cidade pensada para 120.000 habitantes sobrevive grazas ao esforzo único e exclusivo de 68.000.