O BNG esixe a retirada de distincións e títulos honorarios a Manuel Fraga Iribarne

Iván Rivas en rolda de Prensa
Iván Rivas en rolda de Prensa
O BNG esixe a retirada de distincións e títulos honorarios a Manuel Fraga Iribarne

Ferrol, 17 de abril, 2019. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentará unha moción no vindeiro pleno municipal co obxectivo de que o Concello acorde a retirada da distinción de “Fillo Adoptivo” a Manuel Fraga Iribarne, que lle foi concedida en plena ditadura e represión franquista en marzo de 1965. O BNG esixe ademais que se revisen as distincións honoríficas outorgadas durante a ditadura franquista, co fin de anular as que teñan vinculación con este réxime.

O voceiro da formación en Ferrol, Iván Rivas, recorda que A Lei da Memoria Histórica ten como finalidade recoñecer e ampliar dereitos, así coma estabelecer medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura. Esta lei, no seu artigo nº15, estabelece que as administracións públicas, dentro do exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.

O BNG denuncia que en Ferrol aínda persisten resquicios de diferente tipo que lembran a ditadura franquista e privilexios como a propiedade da tumba de Catabois que, pese a mocións aprobadas en pleno, continúan sen ser eliminados,  mantendo ademais o Concello de Ferrol vixentes diversos títulos honorarios a figuras destacadas dese réxime totalitario.

Rivas sostén que manter estes nomes e estas distincións significa manter co silencio os privilexios outorgados por un réxime opresor, que se caracterizou pola falla de liberdades e que promoveu valores totalmente opostos aos valores democráticos, de xustiza e igualdade e de respecto á pluralidade e á diferenza. “É hora de librarnos completamente dos retazos que o franquismo e o seu réxime aínda manteñen na nosa cidade, de rematar cos silencios cómplices, e pola dignidade de deixar de loar por omisión unha ditadura fascista que provocou milleiros de mortos froito da represión cruenta que practicou”, apunta.

Para o BNG é un principio democrático básico para o recoñecemento dos dereitos dos que foron perseguidos durante a o franquismo a retirada dos títulos honoríficos concedidos durante a ditadura co obxecto de lembrar e loar a memoria de persoas pola súa sinalada participación no réxime franquista e a durísima represión desenvolvida tras o alzamento militar.