Por un Ferrol sen muros. Nin físicos, nin mentais

Por un Ferrol sen muros. Nin físicos, nin mentais

En Ferrol, o Estado a través do Ministerio de Defensa está a condicionar o futuro da cidade desde todos os puntos de vista. Socialmente, porque confinados ao gueto da construción militar o emprego depende das súas decisións,economicamente porque non paga impostos e urbanísticamente porque a muralla do Arsenal divide Ferrol en dous.

1. Por que hai que rachar o convenio con Defensa?

Porque é especulativo. Ferrol ten o 20% das vivendas baleiras e perde 1.000 habitantes ao ano. Construír 460 vivendas novas e un centro comercial no Sánchez Aguilera, ademais de contraditorio é insistir nos erros da burbulla inmobiliaria. Porque as e os ferroláns non deben pagar por propiedades en ruína e abandonadas durante anos. Porque Ferrol non ten diñeiro para facerse cargo de 1 millón de m2 máis sen destino definido.

Porque os gobernos locais de PP, PSOE e FeC mantiveron no aire un convenio que durante 20 anos eximiu ao Estado de toda responsabilidade sobre os inmobles e parcelas incluídas nel.

2. Por que hai que reclamar que o Estado pague os impostos que lle corresponden?

Porque Ferrol ten un déficit estrutural de ingresos derivado da ocupación do 20% do solo urbano por unha administración pública que non paga impostos. Porque o deber de conservación e mantemento das edificacións debe ser unha obriga común e sobre todo das administracións públicas. Porque o Ministerio de Defensa recibe gratis os mesmos servizos públicos que reciben o resto, que teñen que pagar por eles e polos que non o fan.

3. Por que hai que derrubar a muralla do Arsenal?

Porque o obxectivo é incorporar os terreos que se atopan tras a muralla á trama urbana da cidade. O obxectivo non é establecer unha simple conexión visual substituíndo a muralla por unha reixa.

O derrubo da muralla do que falan PP, PSOE e FeC non é máis que un paliativo. Ferrol é unha cidade incompleta, cun acceso privilexiado ao mar que precisa recuperar. Non existen razóns lóxicas para que isto non aconteza, nin militares, nin patrimoniais. Incluso o retorcido argumento que considera a muralla como un ben a protexer non xustifica que os e as ferrolás non poidan ter libre acceso ao mar e que a súa cidade continúe dividida en dous.

Se queres resultados diferentes, non fagas sempre o mesmo!