O BNG propón modificar a lei que impide ceder gratuitamente instalacións militares desafectadas

O BNG propón modificar a lei que impide ceder gratuitamente instalacións militares desafectadas

Ferrol 18 de xullo de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera necesario abordar a modificación da Lei que regula a enaxenación de bens mobles e produtos de defensa no Ministerio de Defensa co obxectivo de que os mesmos poidan ser cedidos gratuitamente às administracións locais ou ás comunidades autonomas, nas que se ubiquen os bens desafectados, para que as mesmas se beneficien da súa afectación para fins de utilidade social e interese público e así proporá que o concello de Ferrol demande esta modificación.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, lembrou que esta lei permanece invariábel no tempo avalada polos partidos estatais a pesar de permanentes iniciativas presentadas polo BNG e calificou de incomprensibel esta actitude na que se impide a cesión das instalacións sen uso ao tempo que permanecen nun estado de abandono absoluto. Considera que este feito, unido à posta a venda das instalacións incluidas no convenio entre o Concello e Defensa é unha mostra de que non existe nen por parte do Ministerio de Defensa nen por parte do Goberno Local interese algún en que os bens desafectados revirtan no patrimonio municipal.

O BNG destaca que o Ministerio de Defensa posúe na nosa cidade medio centenar de instalacións desafectadas nas que se inclúen: terreos, vivendas, vellos cuarteis, estradas etc que ocupan en total unha superficie de 1.491.592,89 m2.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, considera vital para esta cidade que o Ministerio de Defensa ceda gratuitamente aos veciños e veciñas de Ferrol as instalacións desafectadas así como que compense económicamente à cidade polo elevado nivel de ocupación de terreos xa que esta situación provoca un permanente problema de ingresos na cidade ao non recibir ningún tipo de ingreso pola ocupación de todos estes terreos no Concello.