O BNG presenta unha moción pedindo un profesor de apoio no CEIP Manuel Masdías

IMG-20191128-WA0005
IMG-20191128-WA0005
O BNG presenta unha moción pedindo un profesor de apoio no CEIP Manuel Masdías

Ferrol 29 de novembro de 2019.* O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de rexistrar unha moción de urxencia no pleno de Ferrol para esixirlle á Xunta de Galiza que cubra a praza de profesor de apoio suprimida no CEIP Manuel Masdías e atenda as demandas da comunidade educativa do centro.


O BNG manifesta a súa solidariedade e e apoio a esta xusta reivindicación tal e como lles fixo chegar persoalmente a comunidade escolar do centro, visitandoos no peche de 24 horas que desenvolven para que a Consellería de educación rectifique e repoña a praza de profesor de apoio coa que contaban até o curso pasado. Asi mesmo o BNG na iniciativa rexistrada esta maña pide que o pleno de Ferrol se solidarice e apoie estas mobilizacións.


O BNG considera, así mesmo, inxustificábel o silencio do goberno municipal que non se ten pronunciado sobre esta problemática nin ten feito ningunha xestión para tentar solventalo.


Para o BNG a decisión da Consellería de Educación é arbitraria e fora do marco legal que non se xustifica de ningún xeito. É censurábel que a decisión da Xunta de Galiza se tome xustamente o ano que o centro conta con máis matricula que os anos precedentes, nos que si que contaban con este profesor. Esta medida da Xunta de Galiza polo tanto non ten en conta as necesidades do centro e obedece só a unha política de aforrar custos que vai en detrimento da calidade da escola pública na nosa cidade e no resto do pais.


O BNG considera que a comunidade educativa do centro só esta a reclamar o que por lei lles corresponde, é dicer, contar cun profesor de apoio para axudar ás titoras dos tres cursos de infantil. Lembra así mesmo que a falla deste docente obriga e que sexa o propio persoal da escola quen se encarga de cubrir as súas funcións co conseguinte desaxuste e detrimento da calidade educativa ou da atención as alunas e alunos.



O BNG esixe que se cubra esta praza de xeito imediato xa que os 43 nenos e nenas matriculados na etapa de educación infantil precisan da labor deste docente.