O BNG presenta unha moción pedindo o arranxo imediato das rúas Herbosa, Fontemoura e río Xuvia

O BNG presenta unha moción pedindo o arranxo imediato das rúas Herbosa, Fontemoura e río Xuvia

 

Ferrol 18 de setembro. O BNG defenderá no vindeiro pleno unha moción na que lembra que os veciños e veciñas das rúas illa Herbosa, Fontemoura e río Xubia, no barrio de San Xoán, levan moito tempo esixindo que o goberno municipal proceda a urbanizar estas rúas, totalmente deterioradas. Así logo de continuas queixas formuladas ao concello sen resposta por parte da administración local decidiron mobilizarse para reivindicar o arranxo urxente destas rúas.

As demandas veciñais pasan por acometer urxentemente a urbanización desta zona, xa que a mesma presenta numerosas deficiencias no firme das rúas o que as fan intransitábeis tanto para peóns como para vehículos.

Estas reclamacións xorden porque estamos perante un goberno municipal que desenvolveu un suposto plan de barrios, que non ten máis fin que uns fins propagandísticos, que o que estan é a paralizar o propio proceso participativo dos veciños e veciñas ao contrario do que se afirmaba nese mesmo plan e ao mesmo tempo se reducen os gastos destinados ao cumprimento de servizos básicos como poden ser o estado no que se atopan estas rúas.

Isto é consecuencia, tamén, da decisión do goberno municipal de reducir os orzamentos destinados a reparacións de viais con respecto ao ano 2012, ano no que unicamente se executara a metade do consignado, ou a redución do orzamento destinado a limpeza e desbroce. Pois ben ao mesmo tempo que se fai esta redución de gasto se continua co aumento de gasto en amortización e pago de xuros e en aumento do gasto en publicidade neste ano 2013 respecto do ano 2012 o que confirma que este plan de barrios e a actitude que esta a manter este goberno municipal unicamente ten un carácter propagandístico

A preocupación dos veciños vai en aumento xa que novamente se aproxima a tempada de chuvias sen que o goberno local promova a necesaria e urxente actuación de cara a urbanizar e mellorar o contorno destas rúas e as incomodidades que xa padecen estes veciños e veciñas continuen sen arranxarse.

Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes Acordos:

1.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao Goberno Local a executar, no prazo de dous meses, a urbanización das rúas Herbosa, Fontemoura e río Xubia.