O BNG pregunta polos controis dos vertedoiros de explosivos caducados fronte as costas de Ferrol

O BNG pregunta polos controis dos vertedoiros de explosivos caducados fronte as costas de Ferrol

Madrid, 7 Marzo 2014. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha pregunta parlamentar na Cámara para peder ao Goberno información sobre o material de explosivos cadudado de Defensa depositado en diferentes puntos do litoral do estado, como o que está a 21 millas de Ferrol.

Rosana Pérez recolle as declaracións efectuadas desde o gabinete do Almirante Xefe do Estado Maior da Armada, quen dixo “non poder dar información precisa sobre a cantidade” de explosivos caducados depositados no mar por parte das Forzas Armadas até o ano 1995, ano no que se aplicou o Convenio Internacional para reducir a contaminación dos mares.

Igualmente, salienta Rosana Pérez, o Ministerio de Medio Ambiente afirmou non ter dados ao respeito. E na mesma liña se pronunciou o secretario do Convenio OSPAR para a proteción do medio mariño do Atlántico Nordeste.

A 21 millas de Ferrol

Desde organizacións ecoloxistas galegas vense advertindo do risco que este tipo de material pode supór para os mariñeiros, como sucedeu noutros países, e cita o caso de Holanda. Sen esquecer os perigos de contaminación por metais pesados.

A deputada do BNG alude aos vertedoiros situados dentro de augas españolas que recoñece o Ministerio de Defensa: Ferrol, Cádiz, Gran Canaria, Cartaxena e Los Columbretes. “Onde se albergan miles de toneladas de obuses, minas, granadas e munición lixeira que conteñen compoñentes nocivos”.

Rosana Pérez amosa a preocupación do BNG polo vertedoiro situado fronte a Ferrol, a 21 millas da costa. De aí que dirixa unha batería de preguntas ao Goberno:

“Que dados ten o Goberno sobre a cantidade e o tipo de material almacenado fronte a costa de Ferrol? Realiza o Goberno algún seguimento o control? Que actuacións prevé para estudar o estado deste tipo de vertedoiros explosivos e evitar consecuencias nas persoas, ou nos ecosistemas?”

Tamén quer saber se o Goberno contemplou a posibilidade de que o mar arrastre algún dos materiais destes vertedoiros ou que algunha embarcación o saque a flote? Qué medidas vai adoptar?”.