BNG esixe a Defensa explicacións polo estado de abandono e ruina das súas instalacións

BNG esixe a Defensa explicacións polo estado de abandono e ruina das súas instalacións

 

Ferrol 7 de febreiro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego por medio da Deputada, Rosana Pérez, ven de presentar unha iniciativa no Congreso dos Deputados para que coñecer se o Ministerio de Defensa é coñecedor do estado de ruína no que se atopa o Sánchez Aguilera, precintado pola inspección de traballo, e explique se considera adecuado deixar que os seus inmobles acaben en estado de ruina antes que cedelos, en tempo e forma, a outras administracións para que poidan ser coidados e destinados a outras funcións de interese social e público.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non existe nen por parte do Ministerio de Defensa nen por parte do Goberno Local interese algún en que os bens desafectados por Defensa revirtan no patrimonio municipal e censurou que estas instalacións permanezan sen uso, ao tempo que permanecen nun estado de abandono absoluto.

O BNG na súa iniciativa tamén esixe a Defensa que explique, máis unha vez, porque non acaba de efectivizarse o convenio co Concello de Ferrol e se é pola imposibilidade de cumprilo nos termos nos que está redactado. Así mesmo queren coñecer se o Goberno Central vai seguir empeñado en manter como única posibilidade de cesión a sinatura de convenios urbanísticos cos concellos.

O BNG esixe explicacións, tamén, por esta forma de proceder do Ministerio de Defensa que esta a contribuir de forma insensíbel, antisocial, despreciativa e irresponsábel a que o aspecto ruinoso da cidade aumente de forma alarmante polo efecto combinado de destrución do sector naval, a redución drástrica dos efectivos de Defensa e á política sobre propiedades militares desafectadas que prefiren velas arruinadas antes que cedela para outros fins.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, considera vital para esta cidade que o Ministerio de Defensa ceda gratuitamente aos veciños e veciñas de Ferrol as instalacións desafectadas así como que compense económicamente à cidade polo elevado nivel de ocupación de terreos xa que esta situación provoca un permanente problema de ingresos na cidade ao non recibir ningún tipo de ingreso pola ocupación de todos estes terreos no Concello.

O BNG pregunta ao Goberno para que de conta de cantas das propiedades do Ministerio de Defensa nos concellos de Ferrol, Ares, Mugardos, Narón, Valdoviño, e Mañón entraron en proceso de abandono, expolio e ruina, unha vez desafectadas, por non tela cedido para outros usos e a pesares de ter, algunhas, importantes valores histórico-artístico ou ambiental e paisaxístico.

Como se lembrará o Ministerio de Defensa posúe en Ferrol medio centenar de instalacións desafectadas que ocupan, en total, unha superficie de 1.491.592,89 m2