O BNG denuncia a instalación de carpas no sistema dunar de Doniños

O BNG denuncia a instalación de carpas no sistema dunar de Doniños

Ferrol 29 de xuño de 2016. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol denuncia a falla de sensibilidade medioambiental do goberno local ao permitir e colaborar na instalación de carpas incluso representativas do Concello, e outros elementos no sistema dunar da praia de Doniños que afectan gravemente a un espazo natural protexido primando o espectáculo fronte a protección da fráxil biodiversidade natural desta zona e en especial às especies ameazadas que teñen neste contorno o seu hábitat durante estes días pasados.

O BNG censura a permisividade coa que o goberno local ten actuado permitindo e promovendo a instalación deste tipo de infraestructuras sobre unha zona natural, xa que ademais está a incumprir o plan de conservación da Píllara das Dunas. Esta pequena ave limícola declarada en perigo de extinción polo “Catálogo Galego de especies ameazadas” contaba no ano 2008 só con 81 parellas nidificantes en Galiza. O “Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia” aprobado pola Xunta no decreto 9/2014, do 23 de xaneiro, recolle numerosas medidas encamiñadas a mellorar a conservación desta especie. Entre estas medidas, no documento faise referencia ás restricións para acceder ao cordón dunar de dúas praias ferrolanas: Doniños e San Xurxo. Así, queda prohibido o acceso de persoas e mascotas (e por suposto de vehículos motorizados) ao cordón dunar destas praias na época de cría. Tamén recolle a necesidade de que as limpezas de praias se fagan de xeito manual nas praias de cría desta ave.

Desde o BNG censuramos a indiferencia do goberno local ao menosprezar e incumprir a moción presentada polo BNG e aprobada en febreiro deste mesmo ano que entre outros acordos estabelecía a necesidade de que se tomaran as medidas necesarias para que as obras de adecuación das praias que se atopan dentro de espazos protexidos, se realizasen de xeito que causen o mínimo impacto posible sobre os valores naturais que nestes espazos protexidos existen. Ademais de que hai que ter en conta a cantidade de restos de desperdicios que estas instalacións xeran e que poden causar importantes afectacións a este espazo protexido.

Para o BNG é importante que nos contornos naturais se interveña o mínimo indispensable para non alterar as dinámicas naturais, pero de ter que realizarse algunha actuación debe valorarse previamente como vai afectar esta intervención aos valores que se pretenden conservar e que desde o goberno municipal se asuma activa e conscientemente a necesidade de protexer estes espazos naturais.IMG_20160626_120214

O BNG denuncia a instalación de carpas no sistema dunar de Doniños