O BNG defenderá no pleno unha moción sobre a problemática das persoas con pensións do estranxeiro

O BNG defenderá no pleno unha moción sobre a problemática das persoas con pensións do estranxeiro

 

Ferrol 23 de setembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol defenderá no vindeiro pleno unha moción mediante a que piden que o concello apoie aos veciños e ás veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas polas reclamacións da Axencia Española Tributaria e piden que se impliquen as diferentes administracións en prestar apoio e asesoramento as persoas afectadas.

O BNG con esta moción busca que se defendan os intereses destas persoas, que son ameazadas pola Axencia Española Tributaria con posíbeis sancións, mentres aos auténticos defraudadores fiscais o Goberno español lles concede amnistía e convida as persoas afectadas a acudir ao pleno asi como a integrarse na plataforma de afectados.

O BNG lembra que Galiza padeceu, e continúa padecendo, unha emigración brutal. Milleiros de galegos e galegas emigraron desde comezos do século XIX a moitos países para procurar un medio de vida. Hoxe, persoas mozas cunha alta cualificación, tamén se ven obrigadas a facer o mesmo que fixeron os seus avós e avoas para poderen ter un traballo.

Moitas das persoas emigrantes, xa de retorno na Galiza e en idade de xubilación, son beneficiarias de pensións que perciben de estados estranxeiros. Nos últimos meses este colectivo comezou a recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro, coa finalidade de proceder á regularización ou no seu caso formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondente ao exercicio de 2008.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou o grave perxuizo que esta medida supón para os veciños e veciñas desta cidade, que sometidos a o desmantelamento de todos os seus sectores produtivos moitas familias están a sobrevivir grazas ás pensións de xubilación dos seus membros e para os que está medida supón unha nova agresión ás maiorías sociais da cidade nunha situación cada vez máis dramática.

Estes requirimentos, que tamén indican a obriga a realizar esta actualización en relación cos exercicios de 2009, 2010 e 2011, estanse producindo nos últimos días de forma masiva en toda Galiza afectando a milleiros de persoas pensionistas retornadas, e de forma moi intensa, tamén a veciños e veciñas do noso concello.

Para o BNG estamos ante unha decisión do estado totalmente inxusta, xa que a maioría das persoas que se atopan nesta situación descoñecían que tiveran que tributar por estes cartos e nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declarar as contías da súa pensión; é máis, persoas afectadas, que non albiscan ningunha sombra de dúbida sobre a veracidade das súas declaracións, afirman que tendo preguntado nas propias delegacións informóuselles, de palabra, de que non tiñan a obriga de tributar por estas pensións.

O BNG esixe ao Goberno Central a que dea unha solución a esta problemática que para o  Bloque Nacionalista Galego pasa por revogar os expedientes xa iniciados e devolver o pagado, anular os expedientes sancionadores, que non se cobren os abusivos intereses de demora por parte da AEAT, que se anulen os expedientes sancionadores e que se modifique a lei para garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados coas persoas que non teñen traballado fóra, á hora de tributar.