O BNG CONSIDERA TRISTE QUE SEXA PRECISAMENTE EN FERROL ONDE NON SE DEBATA A MOCIÓN DE APOIO A PINTOS

Iván en rolda de Prensa
Iván en rolda de Prensa
O BNG CONSIDERA TRISTE QUE SEXA PRECISAMENTE EN FERROL ONDE NON SE DEBATA A MOCIÓN DE APOIO A PINTOS

Ferrol 30 de outubro de 2019. Para o Bloque Nacionalista Galego é triste que sexa xustamente en Ferrol, unha cidade castigada por un proceso constante de desmantelamento industrial e a causa del cunha longa historia de loita sindical polos dereitos dos traballadores e traballadoras onde o Alcalde da cidade decida unilateralmente non presentar unha moción de apoio ao sindicalista López Pintos.

 

Para O BNG nun contexto onde se impón o silencio como instrumento para a censura este tipo de actitudes demostran a falla total de sensibildade deste goberno respecto da realidade social e laboral da cidade, onde as condicións de traballo, cando o hai, son cada vez máis precarias. E é lamentable que ademais o faga conculcando e pasando por riba do dereito das organizacións políticas e dos e das súas representantes a expresar unha opinión libremente.

 

O argumento da intromisión nun proceso xudicial non se sostén por ningunha parte, como asi o demostra o feito de que esta mesma proposta se abordou noutros plenos municipais.

 

O que si e certo é que con esta decisión, ademais de ir en contra da vontade de todas as centrais sindicais da comarca, o Alcalde da cidade contravén a lei Reguladora das Bases de Réxime Local e o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais ao impedir ás organizacións políticas presentes no pleno municipal exercer os seus dereitos e expresar libremente a súa opinión mediante mocións introducidas na orde do día.

 

O PSOE e o Alcalde desta cidade non teñen ningunha potestade para decidir que temas poden ou non introducir o resto de organizacións políticas e menos cando xa están incluídas na orde do día.

 

Si o PSOE considera, polas razóns que fosen que non comparte os acordos da moción e tivese unha vontade realmente democrática o único que tería que facer e retirar a súa sinatura da moción e votar en consecuencia a través da abstención ou do voto en contra para quedar libre de toda responsabilidade pero prefire atender ás demandas do PP pese a que isto supoña conculcar os dereitos dos demais.