O BNG chama a participar, o vindeiro domingo, na concentración de "Salvemos A Malata"

O BNG chama a participar, o vindeiro domingo, na concentración de "Salvemos A Malata"

 

Ferrol 1 de abril de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol apoia a concentración convocada para o vindeiro domingo, polo colectivo Salvemos A Malata, e quere facer un chamamento ao conxunto de veciños e veciñas de Ferrol a acudir à mesma co obxectivo de expresar a súa oposición à decisión do Ministerio de Fomento do goberno de España, avalada polo goberno local de Rey Varela, de executar o enlace ferroviario ao porto exterior de Ferrol polo trazado sur.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, reitera que o trazado sur, alternativa escollida por Fomento e respaldada polo goberno municipal do PP en Ferrol, só vai aumentar a degradación da ría e da enseada da Malata, que soporta un sector importante na cidade como é o relativo ao marisqueo. Indicou, así mesmo, que o trazado sur é unha alternativa que se escolleu unicamente por un criterio económico, que ten unha dubidosa racionalización en base ao propio estudo informativo, e que o impacto que vai ter sobre a degradación da ría e da enseada da Malata non vai ser mitigado por ningunha medida correctora e menos cando a única que se contempla é unha pasarela peonil que acompañará a este trazado e un viaduto sobre a mesma.

O BNG censura que o Goberno Central, nunha decisión totalmente cuestionábel, teña escollido a alternativa Sur como “a máis adecuada para a construción do enlace ferroviario ao porto exterior”, en base a propia Declaración de Impacto Ambiental e ao estudio informativo que sustenta esta resolución, sen ter en conta a multitude de alegacións presentadas a este trazado, as eivas dos documentos, nin a forte oposición social a opción escollida así como que non se pode considerar ambientalmente viable este proxecto, xa que o mesmo vai incidir de xeito negativo nesta zona como incidiu, no seu día, a decisión de rechear o peirao carboeiro avalada polos partidos estatais en Madrid, As medidas correctoras para salvar a enseada da malata son escasas e ineficaces e fican sen resolver aínda cuestións como, recolle a resolución do 2 de xaneiro, sobre os niveis de ruido en zonas do trazado,algunhas urbanas.

O vindeiro domingo 6 de abril, coincidindo co aniversario da publicación da Declaración de Impacto Ambiental, A plataforma Salvemos a Malata que se opón á construción do viaduto do tren ao porto exterior pola Malata convocou a toda a cidadanía a participar nunha concentración, que terá lugar ás 12h do mediodía na pasarela peonil que está na entrada do peirao carboeiro.

Acto do BNG na pasarela da Malata