O BNG advirte da hipocresía que existe sobre o sector naval na cidade

O BNG advirte da hipocresía que existe sobre o sector naval na cidade

Ferrol 24 de outubro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol censura a hipocresía que existe sobre o sector naval nesta cidade onde o debate ao redor da venda de armas a Arabia ten posto de relevo os enganos aos que nos levan sometendo durante décadas ao respecto do sector naval en Ferrol por varios motivos.


En primeiro lugar porque levamos anos soportando a mentira de que adicarnos ao militar é o noso futuro mentres só se ten producido o desmantelamento gradual dos estaleiros na ría, un silencio cómplice fronte ao veto, primeiro explícito e despois implícito á construción civil e o baleirado das gradas de construción militar desde hai máis de 10 anos.

 

En segundo lugar porque a pesar da agonía do sector nos últimos anos, cunha folga das auxiliares polo medio, ninguén ameazou en Ferrol coas mobilizacións que o anuncio do Estado de non vender armas a Arabia provocou.

 

En terceiro lugar porque esas corvetas non se farán en Ferrol e por tanto o argumento de “estou en contra de vender armas a estados xenocidas pero antepoño o pan dos meus fillos a este convencemento” é rotundamente falso.


En cuarto lugar porque a posterior xustificación que consiste en afirmar que hai que reclamar os contratos con Arabia porque senón teriamos que compartir a carga de traballo das F-110 demostra o que sempre se negou.

 

A carga de traballo en Navantia asígnase por criterios políticos e non técnicos. Por que senón teriamos que compartir as F-110 en función de se no Sur fan as corvetas ou non se tecnicamente o lóxico é facelas aquí? Co mesmo argumento deberiamos compartir as corvetas, os petroleiros, os submarinos que se fan alá.

Por isto o lóxico serÍa que o alcalde ferrolán rexeitase os contratos con Arabia e esixise a volta a construcción civil ou ben reclamase os contratos para esixir a súa construción en Ferrol.

 

O rídiculo e hipócrita é a postura que comparte co candidato do PP, o señor Rey Varela, por submisión a Madrid. Que consiste en defender os contratos para Cádiz cun estado xenocida como o Saudí sen esixir a construción desas corvetas en Ferrol nin a volta a construcción civil dos estaleiros da ría.

O BNG advirte da hipocresía que existe sobre o sector naval na cidade