O BNG acusa ao PP de ter secuestrada á cidade durante 4 anos

O BNG acusa ao PP de ter secuestrada á cidade durante 4 anos

Ferrol, 1 de xuño de 2016.Ante as valoracións feitas polo PP no día de onte, desde o BNG consideramos que:

Que desde o PP se fale de “postureo” despois de encher as rúas de Ferrol de estatuas inútiles, despois de asinar ante notario previo a unha campaña electoral compromisos banais e falsos, ou despois de anunciar plans de barrios sen orzamento, é o exemplo do cinismo dunha organización que deixou á Cidade nun estado catatónico que o actual goberno prolonga dando continuidade as decisións adoptadas no anterior mandato popular.

Que ademais, o PP censure a práctica política deste Goberno cando é cómplice de decisións fundamentais para esta Cidade, que comparte e colabora para levar a diante, como o Plan Especial de Ferrol Vello, asumir o contrato eléctrico, un convenio con Defensa de usura, que paguemos por unha infraestrutura de saneamento que no resto do Estado pagou o Estado, asumir a xestión dunha EDAR que non funciona, os mesmos criterios discrecionais para o reparto das subvencións culturais e nominativas, ou uns orzamentos que tivemos que sufrir durante catro anos que levaron á asfixia aos servizos que se poden prestar desde a administración local e que este goberno prorrogou son a mostra de que estamos ante unha organización que centra o debate político nos fogos de artificio e nos reproches fáciles e simples mentres é totalmente submisa ante decisións que hipotecan a Cidade ao longo de décadas e que amosan a súa total dependencia dos ditados que lle impoñen desde Madrid sen o menor escrúpulo.

E por último, que o PP considere mellor os gobernos de maioría absoluta que gobernos que non poden impoñer as súas decisións de xeito unilateral demostra a concepción totalitaria que ten das institucións e da toma de decisións e participación nelas.

Por iso desde o BNG consideramos que despois de ter secuestrada a esta Cidade durante 4 anos o mellor que podería facer o PP é permanecer en silencio.