Jorge Suárez e Rey Varela principais valedores dos intereses da parte privada de EMAFESA

Jorge Suárez e Rey Varela principais valedores dos intereses da parte privada de EMAFESA

Ferrol 11 de setembro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que Jorge Suárez e Ferrol en Común claudicaron definitiva e totalmente diante do Partido Popular desde o momento en que pretenden que a veciñanza pague retroactivamente os 5,5 millóns de euros que demanda EMAFESA en base á taxa do PP polo concepto da  taxa de saneamento desde o ano 2015 até marzo de 2017.

O BNG censura o comportamento do goberno local a este respecto, tanto por facelo às agachadas e postergando o seu cobro até pasadas as eleccións municipais como pola pola traizón à cidadanía que sitúa a Jorge Suárez ao lado de Rey Varela, principal valedor dos intereses da parte privada da empresa EMAFESA en perxuizo dos ferroláns pechándolle ás portas à devolución dos 800.000 euros cobrados indebidamente por EMAFESA.

O BNG lembra que esta decisión significa que se lles vai cobrar aos veciños e veciñas de Ferrol por un servizo que non se estaba a prestar. Ademais resulta indignante comprobar como as únicas medidas que adoptou o goberno local sexan reclamarlle aos veciños e veciñas de Ferrol o pago dunha ordenanza cuxos custos non se axustan à realidade namentras aos responsábeis de entregarnos unha depuradora que non funcionaba, de impornos uns convenios de usura por un modelo de saneamento retrógado non se lles esixe ningunha contraprestación nin se lles devolve a infraestrutura.

O BNG lembra que xa cuestionou a decisión de cobrar con carácter retroactivo o saneamento desde abril até novembro de 2017 e advertiu, como agora se demostra, que esa medida abría á porta para que FeC decidira cobrar con carácter retroactivo aos veciños e veciñas da cidade os ingresos pola taxa de depuración dos anos 2015 en adiante que reclama EMAFESA e que as contas da empresa de 2014 e 2015 que este goberno aprobou, grazas á colabaración do PP, recollen.

O BNG lembra que nos últimos meses este goberno decidiu publicar os padróns de contribuíntes, e decir o listado de persoas ás que se lle vai pasar o cobro deste recibo e decidiu aprobar as contas da empresa dos anos 2014 e 2015 que incorporan ingresos por esta taxa de millóns de euros a pesar de que o servizo non se estaba a prestar.

Para o BNG a decisión deste goberno de aprobar esas contas supuxo dar o visto bó a eses ingresos inxustificados e demostra que todos os pasos que Fec está a dar respecto do sistema de depuración teñen como obxectivo exclusivo incrementar os ingresos da parte privada da empresa EMAFESA.

Por último o BNG asegura que a única saída a todo este despropósito que iniciou o PP de Rey Varela é devolver a EDAR á Xunta dunha vez exixíndolle responsabilidades por entregarnos unha infraestrutura imposibilitada para funcionar e que ela se faga cargo da xestión dun sistema de depuración obsoleto, imposto polo Estado e de carácter supramunicipal e eximir de responsabilidades aos ferroláns das decisións do actual e do anterior Alcalde.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Jorge Suárez e Rey Varela principais valedores dos intereses da parte privada de EMAFESA