O BNG acompañou hoxe ás traballadoras e traballadores do naval na súa mobilización para reclamar carga de traballo

O BNG acompañou hoxe ás traballadoras e traballadores do naval na súa mobilización para reclamar carga de traballo

Ferrol, 25 de abril, 2019.  O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acompañou hoxe aos traballadores e traballadoras da industria principal e auxiliar na súa mobilización para reclamar carga de traballo para os asteleiros da comarca.

O BNG quixo poñer de relevo a hipocresía das diferentes organizacións estatais que avalan plans industriais que implican un novo proceso de restructuración e xustifican o confinamento da construción naval pública ao nicho do sector militar. Para O BNG a visita pantasma no día de hoxe do candidato de Podemos non é máis cunha proba disto.

O candidato á alcaldía de Ferrol, Iván Rivas e o candidato nº3 ao Congreso pola provincia da Coruña, Ramón Fernández ‘Mon’, compareceron ante os medios antes de partir coa manifestación até a ponte das Pías para denunciar o desprezo e as mentiras que leva soportando o naval ferrolán nas últimas décadas. “A falta de carga de traballo é unha condea que levamos padecendo ao longo dos 40 últimos anos, sometidos a engano tras engano, constante e permanente. O último ten que ver cun plan industrial que vai a provocar un novo proceso de reestruturación no principal sector produtivo da cidade”, indicou Iván Rivas.

Unha reestructuración inminente. Xa se están a producir amortizacións de postos de traballo. Xente que está a saír prexubilada que non volverá á empresa mentres non hai prevista ningunha nova incorporación aos centros de Ferrol e Fene. “Puxéronnos a cenoira das F110 diante pra xustificar o desmantelamento do estaleiros en Ferrol a través dun Plan Industrial que como mínimo supón unha reducción do 25% do plantel avalado polo actual Alcalde, o candidato do PP o Sr. Rey Varela e o candidato do PSOE, o Sr. Angel Mato”, sinalou o candidato nacionalista.

Desde o BNG lembran que os acordos asinados pola empresa implican unha reposición xenérica como máximo do 75% dos postos e por tanto a empresa incorporará ao persoal que precise onde teña carga de traballo. É decir, amortizaremos postos de traballo en Ferrol que se recuperarán no Sur co aval das organizacións políticas na cidade. “É intolerable que se nos viñese aquí a vender a idea de que había que construír unhas corvetas para Arabia Saudí porque había que darlle carga de traballo a uns esteleiros que están absolutamente parados e que demostra que Cádiz conta con tres alcaldes: o de Cádiz, o alcalde de Ferrol e o ex alcalde de Ferrol, o señor Rey Varela, que tamén nos veu aquí a contar que era fundamental contratar as corvetas para Cádiz e que aquí non vamos a ver nin en pintura”, sentenciou o voceiro do BNG.

Rivas, ao igual que Fernández ‘Mon’, insistiron na importancia de diversificar e apostar pola construción naval civil fronte á dependencia dos encargos militares. “Se isto non se asume como un obxectivo prioritario, a única saída que ten esta comarca é quedar confinada a un gueto coma a construción militar e a verse convertida nunha especie de taller de reparacións e ao servizo do Ministerio de Defensa”, apuntou Rivas. “Deberiamos tomar nota do que está acontecendo no resto de Europa e apostar pola innovación, a investigación e o desenvolvemento, para competir sen restricións de carácter político”, engadiu Ramón Fernández ‘Mon’. “A sociedade galega, a sociedade da comarca de Ferrol, debe tomar nota. Veñen aí as eleccións xerais e nós precisamos como auga de maio ter representación política no congreso dos deputados para pesar alí onde se toman as decisións”, sentenciou o candidato ao Congreso.