A ALTERNATIVA PARA SUPERAR O FERROL DEPRIMIDO POLO MALTRATO DAS POLÍTICAS DO GOBERNO CENTRAL

A ALTERNATIVA PARA SUPERAR O FERROL DEPRIMIDO POLO MALTRATO DAS POLÍTICAS DO GOBERNO CENTRAL

Ferrol, 8 de Xaneiro 2015.-Unha candidatura “nova e ilusionada” como alternativa para un Ferrol “deprimido por anos de maltrato das políticas do Goberno central” que “simboliza” o espírito de “defensa clara dun proxecto de país”. Así definía o portavoz nacional, Xavier Vence, a alternativa que representa BNG-Asembleas Abertas para a cidade de Ferrol na presentación do primeiro tramo dunha lista que encabeza Iván Rivas.

Vence subliñou o proceso de participación social para a conformación da candidatura que desde o BNG “abrimos á cidadanía a través das asembleas abertas e que hoxe nos permite estar acompañado de tres persoas que proceden da base social nacionalista e de esquerdas, que non teñen carné do BNG pero que ven nesta forza política a alternativa para empezar a transformar este país desde os concellos”.

O dirixente nacionalista facía referencia á condición de independentes de Eva Espiñeira, María Pilar Pazos e Bárbara Lamas que, xunto con Xulio Rodríguez, acompañan a Iván Rivas no primeiro tramo da candidatura BNG-Asembleas Abertas en Ferrol.

“Candidatura de gran renovación, con xente nova que se presenta ante a cidadanía que quere un cambio profundo nas políticas regresivas e neoliberais do PP. É a oportunidade para pasar páxina do PP en Ferrol”, salientou Vence, quen confía en que os comicios municipais de Maio sexan o punto de partida da recuperación do proxecto nacionalista, “porque se necesita como auga de maio para sacar adiante unha cidade desmantelada polo maltrato das políticas do PP”, insistiu.

O cabeza de lista apelou á “dignidade, orgullo e a autoorganización” para dar un cambio de rumbo e recuperar o futuro de Ferrol, poñendo fin a “gobernos municipais calados, cómplices e submisos” con Madrid, pese a que “desmantela” o principal sector produtivo, obriga a sufragar a rede de saneamento pero “non paga un só euro” á cidade aínda que ocupa o 20% da superficie, ten abandonadas as infraestruturas ferroviarias e reduce a súa aportación económica a Ferrol.

Para Rivas é o momento de mudar eses gobernos locais “submisos” por outro “fiel” aos intereses dos veciños e veciñas, “recuperando a autoestima da cidade” e valorando a propia cultura. Para iso, é preciso “tomar as nosas propias decisións en función dos nosos intereses, sen directrices de organizacións políticas dirixidas desde Madrid”.

Transporte público adaptado ás necesidades e frecuencias dos usuarios de Ferrol, mudar o sistema de xestión de residuos e da enerxía ou investir recursos en recuperar o patrimonio “inigualable” da cidade foron algunhas das propostas enumeradas polo candidato.

Ferrol de primeira

No acto de presentación tamén interviu a número dous, Eva Espiñeira, quen subliñou a súa condición de independente e a súa decisión de incorporarse á candidatura tras participar no proceso de asembleas abertas, “un proceso colectivo, unha forma diferente de participación política na que todos e todas podemos colaborar e facer as propostas sobre o modelo de cidade que queremos”, explicou.

“Somos un reflexo da sociedade ferrolá e da pluralidade que persegue o Bloque”, indicou, tras salientar a presenza de tres mulleres no primeiro tramo da candidatura. “Non queremos resignarnos senón participar no cambio e construír a cidade que queremos e merecemos, unha cidade de primeira”, concluíu.

Na súa intervención o número dous, Xulio Rodríguez, salientou que a candidatura BNG-Asembleas Abertas “non se pon límites” nas súas expectativas de cara a cita electoral. O traballo nos barrios, a defensa do comercio local e frear a sangría da emigración entre as preocupacións dunha candidatura “referente da defensa do noso”, concluíu.

Candidatura BNG-Asembleas Abertas Ferrol. Primeiro tramo.

1.- Iván Rivas Rico

2.- Eva Espiñeira González

3.- Xulio Rodríguez Díaz

4.- María Pilar Pazos Casal

5.- Bárbara Lamas Rei